O Pleno reclama un Pacto de Estado sobre política forestal e de emerxencias

A Corporación viguesa aprobou este mércores unha moción, impulsada polo grupo de goberno e co apoio de En Marea, instando aos gobernos autonómico e central a abrir unha mesa de traballo que conduza ao Pacto de Estado. Outra das iniciativas aprobadas esta mañá foi solicitar á Xunta á apertura inmediata e gratuíta do aparcamento do hospital Álvaro Cunqueiro.
Por o 25/10/2017 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Pleno reclama un Pacto de Estado sobre política forestal e de emerxencias

O Pleno apoiou un texto que reclama da Xunta de Galicia e do Goberno de España a apertura dunha mesa de traballo -conformada por todos os partidos políticos, sindicatos, ecoloxistas e representación das administracións locais- que permita acordar un Pacto de Estado en materia de política forestal e de emerxencias. A iniciativa foi presentada polo grupo socialista, emendada por Marea para incluír a sindicatos e ecoloxistas na mesa de traballo e aprobada finalmente coa abstención do PP.

Este acordo foi presentado despois dos acontecementos sucedidos o pasado 15 e 16 de outubro, cunha “acumulación de lumes en distintas partes da cidade” que tivo “efectos devastadores” como un falecido en Vigo, danos materiais en vivendas e propiedades particulares e danos medioambientais nos montes “que custará moito tempo” recuperar, segundo indica o texto.

O grupo de goberno, na súa proposta, indica que “é hora de pasar á acción decididamente para que isto non se volva repetir” e considera “necesario analizar rigorosamente a situación actual e as medidas que se viñeron adoptando desde as administracións responsables da política forestal”. A moción apunta ao establecemento de “medidas concretas, protocolos eficaces e orzamentos necesarios, de forma inmediata”, sen “escusas, análises simplistas e debates políticos partidarios”.

Illas Cíes

O grupo socialista tamén sacou adiante unha iniciativa que solicita á Xunta de Galicia a adopción das medidas precisas para transferir, delegar ou cooperar co Concello de Vigo na xestión sobre as Illas Cíes. A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu un texto -que contou coa abstención de Marea de Vigo e o voto en contra do PP- no que se alude á incompetencia da Xunta para garantir a conservación das Illas Cíes e a falta de iniciativas e plans que preserven e permitan abordar con rigor a candidatura das illas a Patrimonio natural da Humanidade.

Aparcamento

Outro dos acordos acadados no Pleno desta mañá foi instar ao goberno galego á apertura inmediata, en condicións de gratuidade para todos os cidadáns, do aparcamento do novo hospital de Vigo. Co apoio do PSOE e de Marea de Vigo, a Corporación aprobou unha iniciativa que tamén esixe á Xunta que habilite como aparcamento unha parcela anexa ao hospital que reúne as condicións urbanísticas precisas para ser usado como aparcamento de xeito inmediato.