O Pleno solicita á Xunta incrementar as partidas para Vigo nos orzamentos de 2017

A Corporación de Vigo reclama á Xunta que incremente as partidas adicadas a Vigo nos orzamentos de 2017, a través dunha moción presentada polo PSOE. Na sesión plenaria deste mércores tamén se aprobou pedirlle a Feijó que responda por un “tuit” de mofa de Rueda tras a derrota do Celta.
Publicado por o día 22/02/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Pleno solicita á Xunta incrementar as partidas para Vigo nos orzamentos de 2017

Os grupos do PSOE e da Marea deron luz verde esta mañá a unha moción socialista que reclama á Xunta que nos seus orzamentos para 2017 inclúa partidas para Vigo para infraestruturas necesarias, entre outros, na educación, na sanidade ou no transporte. Trátase, segundo defendeu o tenente de alcalde, David Regades, de actuacións “imprescindibles” que a Xunta non asume xa que ano tras ano segue a discriminar Vigo.

Concretamente, a moción inclúe o incremento das seguintes partidas: 350.000 euros para as pistas deportivas en Balaídos; 2 millóns para a Área Metropolitana; 2 millóns para a estación de autobuses; 1,5 millóns para os accesos do tramo urbano da AP9; 1 millón de euros para o Centro de Transportes; 350.000 euros para o convenio de transporte público ao aeroporto de Vigo; 6 millóns para Plan Xeral e para as humanizacións das estradas autonómicas PO-325, PO-330 e PO-552; 1,2 millóns para o Proxecto da Cidade do Mar de Vigo; 900.000 para cubertas dos patios de colexios; 1 millón para o novo Centro de Saúde de Bouzas; 1.730.000 euros para a gratuidade do aparcamento do hospital de Beade; 500.000 euros para a ETAP e 400.000 euros para o acondicionamento do río Lagares de Vigo.

O Pleno da Corporación tamén aprobou instar ao presidente da Xunta a responder se considera que Galicia pode ter un vicepresidente que se mofa e se rie do Celta de Vigo e do conxunto da cidade, en alusión a un “retuit” que fixo Alfonso Rueda dun comentario do xornalista deportivo Josep Pedrerol, tras a eliminación do equipo celeste da Copa do Rei. O voceiro socialista, Carlos Font, afirmou que a acción de Rueda foi un claro “exemplo de como ferir a sensibilidade dunha cidade”.

Outra das iniciativas que se aprobou na sesión plenaria desta mañá, neste caso por unanimidade, pasa por esixir ao Ministerio de Facenda cambiar o criterio administrativo mantido nunha resolución do 25 de xaneiro de 2017 en contra do criterio xusto e legal mantido ata ese momento para o mellor exercicio do dereito fundamental dos cidadáns á tutela xudicial efectiva. Deste xeito, permitiríase dar un tratamento xusto ás persoas que non teñen os recursos suficientes para contratar un avogado ou que teñen que recorrer á quenda de oficio.

Tamén por unanimidade deuse luz verde á unha moción que esixe realizar un estudio global da zonificación e adscrición en Vigo tendo en conta a evolución demográfica e a proximidade aos centros, respectando sempre a calidade do ensino público. A concelleira socialista Olga Alonso foi a encargada de defender un texto que rexeita que os alumnos de Vigo non poidan escolarizarse no seu instituto de referencia e que outro moito alumnado teña que desprazarse a dez quilómetros de distancia.