Pneumoloxía do Álvaro Cunqueiro realiza un procedemento endoscópico pioneiro en Galicia

A Unidade de Pneumoloxía Intervencionista implantou pequenas válvulas no interior do pulmón dun paciente cun enfisema moi grave
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Pneumoloxía do Álvaro Cunqueiro realiza un procedemento endoscópico pioneiro en Galicia

O Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) realizou este mes un procedemento mediante endoscopia que é pioneiro en Galicia. O tratamento estivo a cargo da Unidade de Pneumoloxía Intervencionista e consistiu na redución do volume pulmonar dun paciente con enfisema grave mediante a implantación de válvulas no seu interior. En concreto, foi o primeiro tratamento en Galicia de “redución endoscópica de volume con válvulas endobronquiais EBV”.

A actuación foi un éxito e efectuouse sen complicacións nun paciente de 56 anos cun enfisema moi grave e severamente sintomático, a pesar de ter recibido o máximo tratamento médico e estar nun programa de rehabilitación respiratoria.

Os pneumólogos Manuel Núñez, responsable da Unidade, e Maribel Botana foron os encargados de realizar a técnica, que é minimamente invasiva e que xa reporta ao enfermo unha importante melloría na súa calidade de vida. De feito, en pouco máis dunha semana (a intervención realizouse o pasado día 22 deste mes), o enfermo xa recuperou capacidade respiratoria, que anteriormente era practicamente nula debido á gravidade do enfisema que padecía.

“A situación do paciente era moi complicada, xa que a causa do enfisema, non tiña apenas capacidade de exhalar o aire que inhalaba. Apenas podía camiñar 50 metros sen sufrir unha fatiga extrema. Agora xa camiña case 500 metros sen excesiva dificultade”, relata Manuel Núñez.

Unha técnica que non necesita cirurxía

O procedemento consistiu na colocación, mediante unha broncoscopia flexible de pequenas válvulas de nitinol (unha mestura de metais recuberta de silicona moi utilizada na fabricación de válvulas artificiais) nos bronquios do lóbulo pulmonar máis afectado, co fin de de permitir a saída do aire almacenado impedindo a súa entrada. Desta forma conséguese un efecto de perda de volume do pulmón (inchado a causa do enfisema) a expensas das zonas máis destruídas do mesmo, o que permite un mellor funcionamento dos lóbulos pulmonares menos afectados pola enfermidade.

O enfisema é unha afección pulmonar que causa dificultade para respirar e está asociado á EPOC. As persoas que padecen enfisema teñen danados os sacos de aire dos pulmóns (alvéolos). Co paso do tempo, as paredes internas dos sacos de aire debilítanse e rompen, o que crea espazos de aire máis grandes en lugar de moitos espazos pequenos. Isto reduce a superficie dos pulmóns e, á súa vez, a cantidade de osíxeno que chega ao torrente sanguíneo. Ao exhalar, os alvéolos danados non funcionan normalmente e o aire vello queda atrapado sen deixar lugar para que entre aire fresco e rico en osíxeno.

“Coa implantación das válvulas conséguese reducir esa especie de globo que impide a saída do aire e mellorar a calidade respiratoria do paciente”, explica o doutor Núñez.

Mediante este tratamento, pacientes moi seleccionados con EPOC cun tipo de enfisema moi severo conseguen unha importante melloría que permite eludir intervencións cirúrxicas que, aínda que efectivas, teñen un elevado índice de morbilidade. Nalgúns casos concretos permite evitar ou pospoñer durante anos un posible transplante de pulmón.

O doutor Núñez subliña que “unha vantaxe máis deste tipo de tratamento mediante válvulas endobronquiais é a súa reversibilidade; é dicir, pódense retirar ambulatoriamente mediante unha broncoscopia en caso de complicacións”.

Unha Unidade coa máxima acreditación

A Unidade de Endoscopia e Pneumoloxía Intervencionista do CHUVI dispón, desde o ano 2015, da máis alta acreditación nacional por parte da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR). En concreto, está acreditada como “Unidade de Alta Complexidade”.

Só hai 7 unidades en España con esta acreditación de máximo nivel, que permite realizar todo tipo de procedementos de pneumoloxía intervencionista.

Anualmente a Unidade leva a cabo máis de 2.000 procedementos deste tipo: ao redor de 1.500 broncoscopias e uns 500 procedementos pleurais.

Do bo resultado da primeira vez que se realizou esta técnica en Galicia beneficiaranse máis pacientes que, sen ser un número elevado, teñen as condicións específicas para poder someterse ao tratamento.

A Unidade aspira a converterse en referencia en Galicia para este tipo de técnica minimamente invasiva.

Pola súa banda, o xefe do servizo de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar, subliñou que “a realización deste procedemento é posible grazas a tecnificación acadada, a excelente cualificación dos profesionais e, en definitiva, o alto nivel asistencial que nestes momentos presenta o noso servizo”. De feito mostrou o seu agradecemento tamén ao persoal de enfermaría e de anestesia polo traballo realizado no procedemento que levou a cabo a Unidade de Pneumoloxía Intervencionista.