Podemos Vigo anuncia o inicio do proceso de alianza coa Marea de Vigo cara as municipais

Nunha Asemblea celebrada do Café De Catro a Catro, Podemos Vigo acordou o incio de negociacións con vistas a concorrer conxuntamente coa Marea de Vigo nas eleccións de maio
Por o 19/02/2019 | Sección: Galicia,Podemos,Política,Vigo
Podemos Vigo anuncia o inicio do proceso de alianza coa Marea de Vigo cara as municipais

Podemos Vigo celebrou onte luns un encontro coa militancia no que se expuxeron as que foron as principais liñas de actuación da organización dende as eleccións primarias do pasado mes de novembro, das que saíu elixido secretario xeral o profesor Xaquín Pastoriza. Tamén se abordaron cuestións relativas ás vindeiras mobilizacións e á negociación do acordo municipal con Marea de Vigo.

Dende o mes de novembro, Podemos Vigo comezou unha rolda de encontros con diversos colectivos sociais e actores da sociedade civil, coa finalidade de facer un mapeo das principais problemáticas que afectan á cidade.

Do mesmo xeito, o secretario xeral, Xaquín Pastoriza, anunciou a apertura inminente de conversas con Marea de Vigo, de cara a plantexar os termos do acordo marco co que as organizacións teñen previsto concorrer conxuntamente ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Podemos Vigo completou o seu proceso de primarias o pasado mes de xaneiro, do que saíron as persoas que representarán ao partido nos comicios ao concello de Vigo.

Ademais, Podemos Vigo tamén presentou os novos grupos de traballo constituídos. As áreas de municipalismo e movementos sociais presentaron as principais liñas de traballo de cara aos vindeiros meses mentres outras, como a área de feminismos, centraron as súas exposicións nos fitos máis inmediatos, como a mobilización e folga do vindeiro día 8 de marzo.

Por último, nun tempo de intervención libre para as persoas asistentes, xurdiron iniciativas de novos grupos de traballo como o de mobilidade ou o de mapeo de barrios, que se emplazaron para manter a primeira xuntanza nos vindeiros días e desenvolver unha folla de ruta que marcará o camiño a seguir nas súas primeiras actividades.

A formación destaca o crecemento na participación da militancia como o principal fito deste primeiro trimestre de traballo. Desde a elección da nova executiva municipal, Podemos Vigo ven celebrando un encontro mensual, sendo este último o que acadou a maior participación ata a data, xuntando a máis de cincuenta persoas no café De Catro a Catro. A organización quere poñer en valor o incremento continuado da asistencia como síntoma claro da revitalización da militancia morada na cidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.