Podemos aposta por reforzar a súa estrutura en Galicia

Publicado por o día 18/01/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Podemos aposta por reforzar a súa estrutura en Galicia

O Consello Cidadán Estatal de Podemos ven de aprobar por acordo unánime unha aposta firme por reforzar a estrutura do partido en Galicia. A decisión chega despois de que a área de finanzas estatal estudara a proposta de reforzamento de Podemos Galicia feita dende o Consello de Coordinación galego e lle dera o seu visto bo, alzando a proposta ao Consello Cidadán de Podemos.

Dita aposta toma a forma dun incremento do 100% nas dotacións orzamentarias, que permitirá dar un pulo importante á implantación territorial do partido, que por primeira vez disporá dunha partida específica coa que poderá facer aportacións económicas aos Consellos Cidadáns Municipais mediante liñas de financiamento directas.

Este incremento no orzamento galego acordouse despois de estudar a peculiar situación en materia de finanzas que presenta Podemos Galicia que, a diferenza doutras agrupacións territoriais da formación morada, non dispón de financiamento propio ao terse presentado ás eleccións autonómicas dentro do espazo de En Marea. Os excelentes resultados electorais acadados, malia as dificultades xurdidas na conformación do espazo, foron un factor de peso na toma desta decisión, ao entender que unha das pedras angulares para o futuro pasa por profundar na implantación territorial de Podemos en Galicia.

O Consello de Coordinación de Podemos Galicia, o máximo órgano executivo do partido a nivel autonómico, aprobou no día de onte os orzamentos elaborados en colaboración coa área de finanzas galega para o ano 2017, nos que xa contempla esas liñas de financiamento directas para os Consellos Cidadáns das cidades e vilas do país. Para o Secretario de Organización de Podemos Galicia, Juan Merlo, “a aposta da organización pola implantación territorial do partido é clara e se reflicte nestes orzamentos”. Merlo engadiu que “o traballo desenvolto dende os Consellos Cidadáns Municipais e as inscritas e inscritos require que dende a organización podamos dotalos das ferramentas necesarias”.

Reunión con secretarías xerais municipais.

O Secretario de Organización de Podemos Galicia manterá hoxe mércores un encontro ás 19.00h en Compostela cos secretarios e secretarias xerais municipais de Podemos en Galicia, coa finalidade de poñer en común unha estratexia e folla de ruta para o ano en curso e para afrontar os desafíos a futuro, que inclúen entre outras cuestións, as eleccións municipais de 2019. Os distintos secretarios e secretarias xerais porán en común diversas ideas sobre o panorama político actual no conxunto de Galicia e nos seus territorios, e presentarán e debaterán algunhas propostas presentadas á vindeira Asemblea Cidadá Estatal de Vistalegre II, así como as diversas propostas para afondar nunha estrutura máis descentralizada e territorializada.