Podemos celebra o Día de Galicia cunha homenaxe en Marín á loita feminista, pola igualdade e a xustiza social

Publicado por o día 26/07/2019 na sección de Podemos,Política

Podemos celebra o Día de Galicia cunha homenaxe en Marín á loita feminista, pola igualdade e a xustiza social

“A Galicia que queremos celebrar cada 25 de Xullo é a Galicia feminista”. Baixo ese lema celebrou hoxe Podemos o Día Nacional de Galicia, cunha homenaxe na praza de Carmen  Pesqueira, ‘A  Capirota, de Marín, a todas as galegas que loitaron e loitan a diario pola defensa da igualdade, a xustiza social e os dereitos civís.

“Non podemos entender Galicia sen esas mulleres que día a día fan cousas extraordinarias, que a sociedade normaliza non porque deixen de ser extraordinarias senón porque as que as fan son mulleres”, destacou Verónica Hermida, secretaria de Feminismos e LGTBI+ de Podemos Galicia.

“Unha Galicia na que quedar, unha Galicia á que volver, é a Galicia que hoxe podemos identificar coa Galicia feminista”, subliñou Hermida, rememorando os versos de Xohana Torres non seu poema  Penélope: “Unha Galicia na que a maxia sexa de todas e na que todas podamos berrar por aquelas mulleres que loitaron antes ca nós: ‘Eu tamén navegar’”.

Durante o acto tamén interveu Julia Torregosa, deputada de Podemos no Parlamento de Galicia, para explicar a gravísima situación de desigualdade que padecen as traballadoras galegas: cobran de media un 27,5% menos que os homes, cunha diferenza que, segundo o colectivo de técnicos de Facenda ( Gestha), supera os 4.400 euros brutos anuais. “Galicia é o caso máis extremo de todo o Estado, xa que para suprimir a brecha salarial ao ritmo actual tardaríase 615 anos”.

Torregosa subliñou a desigualdade e preciariedade que padecen as pensionistas  galegas, cuxa percepción de xubilación media é de 718,20 euros, “a máis baixa de España, 140 euros menos que a media nacional e 411 euros menos que os homes galegos”. “Podemos impulsou esta lexislatura numerosas iniciativas no Parlamento de Galicia destinadas a mellorar a situación laboral da muller, eliminar a brecha salarial e o traballo precario, e para favorecer a conciliación. Pero temos que seguir loitando por unha Galicia feminista”, dixo.

Pola súa banda, Tesi Landín, portavoz de Podemos en Marín, destacou a figura de Carmen Pesqueira, ‘A Capirota’, a lavandeira asasinada en agosto de 1936 nesa localidade, “como un exemplo da dignidade e a valentía da loita feminista”.

Landín lembrou que Carmen Pesqueira foi violada e tiroteada por unha manada de falanxistas a quen se encarou en solitario cando estaban a lle dar unha malleira a un veciño, poucas semanas despois do Golpe de estado de Franco. O seu cadáver foi exhibido por toda a comarca como advertencia do que lles sucedería ás mulleres que ousasen desafiar á barbarie.

“Carmen era unha traballadora humilde, nai solteira que loitaba a diario para sacar  adiante ao seu fillo de catro anos nunha  sociedade que despreciaba, ameazaba e maltrataba  ás mulleres que, como facía ela, loitaban a diario pola súa liberdade. Non foi valente só por encararse heroicamente a aqueles falanxistas, senón por defender a  súa independencia e os seus dereitos, e con eles os de todas as mulleres, día a día”. “Era unha muller anónima, unha máis  desas decenas de miles de galegas anónimas que merecen que o Día de Galicia sexa o seu día, o día  dunha Galicia feminista”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.