Podemos condena o triple feminicidio de Valga e reclama políticas “valentes e transformadoras” para erradicar as violencias machistas

A secretaria de Feminismos do partido, Verónica Hermida, chama á cidadanía galega ”a saír ás rúas” para condenar o crime e recordas ás institucións e ás organizacións políticas que os crimes machistas “non se evitan con medidas tibias e menos aínda coa negación da súa existencia”
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Podemos,Política

Podemos condena o triple feminicidio de Valga e reclama políticas “valentes e transformadoras” para erradicar as violencias machistas

A secretaria de Feminismos de Podemos Galicia, Verónica Hermida, condenou hoxe o triple feminicidio de Valga, e chamou á cidadanía galega “a saír ás rúas para dicirlles aos gobernos que os crimes machistas non se evitan con medidas tibias, e menos coa negación da súa existencia por parte dalgunhas organizacións políticas, senón con políticas valentes e transformadoras”-

“Queremos manifestar a nosa máis absoluta repulsa por este crime machista e facer chegar a nosa solidariedade e apoio ás familias das tres mulleres asasinadas, ao Concello e á veciñanza de Valga”, dixo a secretaria de Feminismos de Podemos Galicia, quen lembrou que o crime de Valga amosa que, lonxe de resolverse, a violencia machista segue a ser unha das peores lacras da sociedade: “Este foi un verán moi violento para as mulleres: en Xullo unha muller foi asasinada cada dous días”, subliñou, tras  recordar que hai só seis meses, outra muller morreu tiroteada polo seu home tamén en Valga.

“Agora atopámonos de novo cun crime para o que non hai palabras, só dor e rabia. Precisamos máis que nunca o consenso da sociedade e das institucións. Un compromiso real co pacto de Estado contra a violencia machista, e que a cidadanía galega saia ás rúas para condenar estes asasinatos. Non imos permitir que nos sigan matando”, concluíu Hermida.

Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, amosou a súa indignación e a súa consternación polo crime, manifestou o seu apoio aos familiares das vítimas e reclamou ás institucións “toda unidade e contundencia necesaria para evitar que algo como isto volva a suceder”. “O machismo mata, e quen amose tibieza co machismo debe saber que está apoiando un sistema de valores que se cobra decenas de vidas cada ano”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.