Podemos Galicia celebra en Santiago un encontro de formación e intercambio de experiencias municipalistas

A xornada forma parte da folla de ruta estabelecida logo de Vistalegre pola organización morada para dotar aos compañeiros e compañeiras dos concellos das ferramentas necesarias para poder participar no cambio dende o municipalismo.
Publicado por o día 10/05/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Podemos Galicia celebra en Santiago un encontro de formación e intercambio de experiencias municipalistas

Podemos Galicia celebrou hoxe a primeira das Reunións de Formación que ten previstas co obxecto de compartir experiencias e dotar das ferramentas necesarias á xente que traballa nos concellos, para poder ser útis tamén no ámbito do municipalismo, independentemente de contar con representación institucional ou non.

Malia que este tipo de encontros xa se viñan realizando, dende a Secretaría de Coordinación explican que agora son máis necesarios ca nunca e responden, ademais, ao mandato de Vistalegre, “á nova etapa que marca a asamblea e a unha folla de ruta que ten posta a vista no 2019, como paso previo fundamental para conseguir o cambio necesario no 2020”, explica Eduardo Nieto.

O secretario de Coordinación do CC e un dos relatores da xornada, valora o interés e esforzo de cada vez máis xente por participar no espazo local, o que lle resulta máis próximo, de aí que sexa interesante, na súa opinion, favorecer este tipo de encontros nos que se poden solventar dúbidas e aprender doutras experiencias con máis tempo traballando no municipalismo.

Novo municipalismo

“Para ir lonxe non hai mellor nave que a formación –engade- e en Podemos cremos e estamos empeñados, ademais, nun novo municipalismo, capaz de erradicar a corrupción e recuperar os servizos para o público”.

Neste sentido, referiuse, por exemplo, a actual situación de “bloqueo á autonomía local” que está a aplicar o ministro Montoro “e que o compañeiro Gómez Reino denunciou hoxe mesmo no Congreso”, pois afoga aínda máis á fráxil situación que xa sofren os concellos.

Non obstante, tanto para Nieto como para Gemma Otero, voceira do GM Contigo Podemos de Ames, a lei Montoro é tamén un sinal de que os “concellos do cambio” o están a facer ben e esta nova forma de facer política e de concebir o municipalismo preocupa ao PP.

Orde do día

A orde do día, incluía, por tanto, unha presentación do Plan de Formación (calendarizacións de obradoiros futuros, de novas reunions e actos nos distintos concellos) así como a experiencia de diferentes iniciativas municipalistas e a exposición da Estratexia prevista dende Podemos para avanzar e tecer rede a escala local.

En canto ás temáticas, a organización considerou como asuntos máis salientables e de maior preocupación nestes momentos o catastrazo, a ordenación fiscal de regulación da taxa de ocupación do solo público polas eléctricas, as claves para un asesoramento axeitado á cidadanía sobre a factura eléctrica e para a elección do sistema de depuración do municipio así como a información sobre outras competencias municipais.

Na reunión están a participar máis de 50 representantes de distintos puntos de Galicia, que están concentrados dende as 18.30 h no Centro Sociocultural O Ensanche de Santiago de Compostela.