Podemos Galicia comeza campaña sobre precariedade cunha xornada sobre emprego e renda básica

Organizada pola Área de Emprego de PG, ten como obxecto abrir o debate sobre un dos temas que máis preocupa aos cidadáns segundo o CIS, para construir entre todos un “relato de alternativas, non só do que está mal”.
Publicado por o día 10/10/2017 na sección de A Coruña,Galicia,Podemos,Política

Podemos Galicia comeza campaña sobre precariedade cunha xornada sobre emprego e renda básica

A área de Emprego de Podemos Galicia presentou hoxe a Xornada: “O Futuro do emprego e a renda básica. Efectos na cidadanía”, que se celebrará o próximo sábado día 14 na cidade da Coruña e que ten por obxecto abrir o debate entre a cidadanía, non só sobre o que está pasando a nivel laboral, senón tamén qué alternativas, qué saídas se lle pode dar á esta situación.

Manuel Villares, como membro da área de Emprego e organizador do evento, lembrou que hoxe en día o emprego é unha das principais preocupacións que figuran nas enquisas do CIS, “o que nos levou a darlle voltas á necesidade de aportar algo ao problema e de aí a articulación da Xornada, con ponentes moi autorizados –dixo- pero ao tempo con diferentes visións, que permitirán un debate moi rico”.

A idea, non obstante, engadiu é que aínda que o debate se abra na Coruña logo se vaia facendo esxtensible por outros lugares de Galicia “e constrúa un relato de alternativas, non só do mal que está todo”.

Pola súa parte, Maria Antonia Trillo, membro da dirección de Podemos Galicia (CCA) e Responsable da área de Emprego incidiu na necesidade de abordar este problema porque as cifras falan por si soas, e puxo como exemplo as do reciente mes de setembro nas que os desempregados sumaban as 200.000 persoas, das cales case 80.000 non teñen ningún tipo de prestación.

Trillo explicou que, como ben define un dos ponentes convidados. Guy Standing, a nova clase social que nace destes datos, das reformas laborais e os recortes que levamos sofrindo xa dende 2008, é a do “precariado” e merece de toda a nosa atención, dixo.

Neste sentido, aínda que o evento comeza en Coruña pero non é un acto localista, puxo algúns exemplos evidentes da cidade, de cómo se sofre nela a “crueldade” deste novo mercado de traballo, baseado na externalización ou deslocalización, “e aí temos as teleoperadoras, por exemplo , que tanto sofriron o ano pasado, ou os traballadores das auxiliares de Ferrol, que hoxe mesmo están a manifestarse”.

A responsable de Emprego de PG fixo fincapé tamén en que non é un debate interno da organización, senón que é aberto á cidadanía. “Trátase de pór enriba da mesa, entre todos, o problema, para tamén entre todos e todas dar coas solucións que o señor Feijóo semella que non ten moito interese en atopar”.

Salientou a valía dos relatores, Guy Standing, Daniel Raventós, Fernando Martínez e JUel Bollain, quen chegará á xornada, ademais, directamente dende Finlandia, co que nos poderá contar dun xeito directo e moi fresco como está a funciar a Renda Básica alá, dixo.

Finalmente, a Secretaria Xeral do CCM de Podemos Coruña, Isabel Faraldo, felicitou o traballo dos compañeiros e compañeiras tanto da área como do Círculo, que se implicaron para axudar ao desenvolvemento do evento e agradeceu tamén que se tivera pensado nesta cidade como punto de arranque  para un debate que ten que chegar a todos os recunchos de Galicia. Asemade, agradeceu a participación do concello no mesmo, pois entre os participantes estará o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, e á Fundación Once, que como recordou María Antonio Trillo, cedeu as instalacións para acoller a Xornada.