Podemos Galicia demanda seguridade xurídica e igualdade de dereitos para os profesionais do sector do mar

Publicado por o día 21/01/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Podemos Galicia demanda seguridade xurídica e igualdade de dereitos para os profesionais do sector do mar

Juan Merlo, secretario de organización de Podemos Galicia, trasladou hoxe á Comisión octava da Xunta de Galicia, na que fai parte como deputado por En Marea, a “intolerable” inseguridade xurídica e social na que se atopan diversos colectivos de mariñeiros de toda Galicia, despois de que a Garda Civil decomisara o mes pasado varias embarcacións en Aguiño por exceder os seus motores a potencia máxima recollida na documentación dos barcos. Esta problemática foi posta de manifesto polo BNG, que contou co respaldo da totalidade da oposición.

Merlo baseouse nun informe elaborado polo secretario de mar de Podemos Galicia, Rogelio Santos, e o responsable da área de marisqueo, Ángel Gey, tras ser informados por diversos mariñeiros e mariscadores sobre a situación. Dito informe recolle que “a inmensa maioría das embarcacións pesqueiras da zona exceden a potencia declarada na documentación”, debido ao “prezo desorbitado” de cada cabalo adicional de potencia”. “Os custos de regularizar os papeis dos barcos son tan excesivos que a maioría dos pequenos traballadores do mar non pode asumilos, unha problemática sobradamente coñecida polas administracións e que nunca supuxera problema algún”.

Merlo defendeu na súa intervención que “é evidente que hai que regularizar esas embarcacións, ninguén o nega, pero non pode facerse dun xeito que supoña a ruína dos centos de persoas que viven do mar”, engadindo que esa sobrepotencia “non é caprichosa”, senón que responde a unha cuestión de seguridade laboral: son as embarcacións que faenan preto das rochas (mariscadores, percebeiros, etc) as que precisan esa potencia adicional para facer fronte a posibles golpes de mar ou situacións imprevistas que poden supoñer un importante risco para a vida dos pescadores. Merlo tamén denunciou que a situación propiciou o florecemento dun verdadeiro mercado negro de cupos de potencia, “que está facendo gañar moito diñeiro a diferentes asesorías da zona”.

Membros do Partido Popular amosaron reticencias ante a posibilidade de que dita actuación tivera outras causas. Finalmente dense a Comisión concordaron na necesidade dunha aclaración sobre os criterios seguidos no decomiso, facendo valer o Partido Popular o rodillo da maioría absoluta para rexeitar propoñer medidas que permitan a rebaixa nos custos administrativos de dita regularización.