Podemos Galicia designa o “equipo técnico” que coordinará o partido na cidade de Vigo

Esta designación será ata o nomeamento dun novo consello cidadán
Por o 31/08/2016 | Sección: Podemos,Política,Vigo
Podemos Galicia designa o “equipo técnico” que coordinará o partido na cidade de Vigo

O Equipo Técnico dará cobertura a cinco áreas de traballo. Estará vixente ata a convocatoria dunhas novas eleccións ao Consello Cidadán Municipal.

A secretaría de organización de Podemos Galicia, a través do seu titular, Juan Merlo, fixo efectivo no día de onte o nomeamento do Equipo Técnico que coordinará a agrupación local da formación morada en Vigo ata a convocatoria de eleccións internas para a designación dun novo Consello Cidadán Municipal.

Con esta proclamación, o partido restablece a súa organicidade na cidade máis importante de Galicia, que se atopaba sen órgano político nin executivo desde que se producise a disolución do anterior Consello Cidadán a finais do pasado mes de maio.

Este equipo técnico divídese en cinco áreas de traballo principais, con outros tantos responsables á cabeza, todos procedentes dos círculos locais. Así, a área de participación estará encabezada por Luís Nogueiras, do círculo de Navia; extensión e círculos por Pilar Pascual, do círculo Centro; as áreas de xestión e comunicación corresponderán respectivamente a Mayka Arias e Xiao Roel, ambos procedentes do círculo Vigo Oeste. O Equipo Técnico complétase cun responsable de redes sociais, Juan Lamora, pertencente ao círculo de Teis.

O secretario de organización, Juan Merlo, sinalou que “este nomeamento responde á necesidade de que Podemos estea presente na cidade de Vigo, como motor fundamental de Galicia que é, así como á responsabilidade de retomar o traballo municipal que a disolución do anterior Consello Cidadán impediu completar”.