PODEMOS Vigo denuncia a escandalosa mingua da calidade asistencial na área sanitaria de Vigo

Publicado por o día 11/12/2018 na sección de Galicia,Podemos,Política,Vigo

PODEMOS Vigo denuncia a escandalosa mingua da calidade asistencial na área sanitaria de Vigo

PODEMOS VIGO solidarízase co conxunto de profesionais da Atención Primaria e comparte a ecisión dos Xefes de Servizo e Unidade do Área Sanitaria de Vigo que presentaron a súa dimisión colectivamente ante o gravísimo deterioro da asistencia sanitaria na nosa cidade.

PODEMOS VIGO comprende a dimensión desa situación de menoscabo progresivo da asistencia sanitaria en Vigo e estamos de acordo en que resulta intolerable que se chegase á actual situación de abandono descrita polo conxunto de profesionais sanitarios. Consideramos que a situación denunciada en relación á sobrecarga asistencial á que está sometida o conxunto de profesionais sanitarios, por mor das carencias e imprevisións nas substitucións e contratacións, provoca un evidente esgotamento e desmotivación dos devanditos profesionais e unha mingua escandalosa da calidade asistencial.

Ademais hai que engadir que a atención hospitalaria tamén está funcionando de xeito ineficiente e as listas de espera para probas diagnósticas ou consultas con especialistas sofren demoras intolerables.

O abandono dos centros de saúde, en canto a infraestruturas e material, é tamén extremadamente preocupante.

O recorte abusivo de contratacións eventuais e a redución insoportable do persoal sanitario e administrativo na maioría dos centros provoca un funcionamento anómalo da actividade asistencial e unhas relacións laborais viciadas que perturban as condicións de traballo e deterioran irremediablemente a calidade asistencial.

O mal funcionamento da sanidade pública está estendido en toda Galicia e isto ocorre porque existe unha estratexia orquestrada polo Partido Popular de Galicia, cuxo obxectivo principal é a degradación e descapitalización dos servizos públicos para xerar espazos comerciais para empresas privadas.

PODEMOS VIGO estima que a Atención Primaria precisa dun novo Plan de Mellora, liquidado por Nuñez Feijoo ao chegar á Presidencia da Xunta no ano 2009. Por todo o exposto demandamos que a Consellería de Sanidade e a Xerencia da EOXI de Vigo dean explicacións urxentemente e atopen solucións concretas, que necesariamente deberán ser consensuadas co conxunto de profesionais sanitarios e colectivos de usuarias e usuarios da área de Vigo.