Podemos Vigo considera un verdadeiro insulto á cidadanía o uso interesado que o goberno socialista de Abel Caballero fai dun área tan importante para a cidadanía como é Benestar Social.
Esta formación atopa unha manifesta contradición entre as continuas declaracións triunfalistas e de autopropaganda do alcalde do PSOE e as liñas estratéxicas feitas públicas polo novo comité de persoal do Concello, nas que sinalaban como prioritario “acabar co caos en Benestar Social”.
Para Podemos Vigo, Caballero falta á verdade cando presume de orzamentos sociais, igual que cando afirma que “en Vigo ninguén dorme na rúa”, “en Vigo a oficina antidesahucios é a miña mesa” e outras afirmacións na mesma liña. Pero ademais, esta formación se cuestiona como se poderán xestionar de xeito eficiente uns orzamentos aos que se aplica o cualificativo de “os máis sociais de toda España”, cando o departamento de Benestar Social atópase sumido no caos: esperas de 7 meses para trasladar solicitudes de axudas á Xunta de Galicia -tempo durante o cal os beneficiarios atópanse abandonados á súa sorte-, un persoal de traballo social que, pese á súa recente ampliación, segue situándose en pouco máis do 50% do establecido pola lei ou a nefasta xestión das axudas de urxencia, causantes das chamadas “colas da vergonza”, así como a inexistencia dun parque público de vivenda en réxime de aluguer social son só algúns dos puntos escuros deste departamento. Puntos escuros que, por outra banda, o socialista vigués ignora sen a menor vergonza, faltando non só á verdade, senón ata ao respecto das usuarias deste servizo.
Desde Podemos Vigo, esiximos ao goberno do PSOE que minore os titulares grandilocuentes e deixe de facer campaña electoral co diñeiro para primeiras necesidades das cidadás pero, especialmente, esixímoslle que intente superar a xordeira selectiva que o aqueixa e atenda ás peticións dos diversos colectivos sociais da cidade, que levan tempo denunciando esta bochornosa situación e aos que agora se suma o comité de persoal do Concello.
PRENSA PODEMOS VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.