Podemos Vigo reivindica a memoria dos últimos asasinados polo franquismo

Publicado por o día 26/09/2015 na sección de Podemos,Política

Podemos Vigo reivindica a memoria dos últimos asasinados polo franquismo

Hoxe, 27 de setembro, Podemos Vigo quere conmemorar o 40 aniversario dos cinco derradeiros fusilamentos perpetrados polo franquismo. Destas cinco persoas executadas, dúas eran veciños de Vigo: Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez Bravo-Solla. A pesares de que na súa época as execucións tiveron unha grande repercusión internacional, hoxe en día, co paso do tempo, quedan esquecidas da memoria colectiva. Queremos recoñecer o seu legado na loita a prol da liberdade e a democracia dos antifranquistas, precisamente agora que nos están a arrebatar dereitos que eles axudaron a conquistar.

Cando no 26 de setembro de 1975 o Consello de Ministros do réxime franquista comunicou que aprobaba por unanimidade a execución mediante fusilamento de cinco persoas produciuse na Comunidade Internacional unha fonda conmoción, seguida dunha mobilización sen precedentes coa intención de paralizar ditas execucións.

O franquismo morreu matando. Facendo oídos xordos as peticións de clemencia da comunidade internacional e vaga de protestas que se levaron a cabo por todo o Estado español. As peticións formuladas por persoeiros tan ilustres como o primeiro ministro de Suecia Olaf Palme, o Papa Paulo VI, así como as manifestacións perante as embaixadas españolas en varios países, non foron atendidas; máis ben o contrario, afirmaron ao franquismo na política do temor mediante a violencia.

No abrente do 27 de setembro de 1975, apenas dous meses antes da morte do ditador Franco, volveuse escribir un novo capítulo no libro da historia da infamia. Escrito con tinta de cor vermella, a da sangue dos executados, para demostrar que o réxime franquista seguía vivo, cando estaba nunha lenta agonía.

Mais agora, neste preciso intre, lembramos a ignominia das execucións innecesarias, ditadas ao abeiro duns xuízos sumarísimos, sen as máis mínimas garantías procesais, que poderían conmutar as sentenzas condenatorias ou rebaixar de pena de morte a privación de liberdade ao acusados. Xuízos que nin tan sequera cumpriron as leis vixentes do seu momento.

Característica esta común a tódalas ditaduras, de non cumprir a lei pola que se rexen. Tódalas testemuñas históricas confirman que foron uns simulacros de procesos xudiciais. Non houbo garantías. O que existiu foi a consigna por parte do réxime franquista de condenar aos acusados á pena de morte. Se pode afirmar con toda rotundidade que foron condenados á pena capital sen un xuízo xusto. E esta é unha lección que a historia nos dá e que xamais debemos esquecer.

Podemos Vigo, na data de 27 de setembro, quere facer un alegato en contra da pena de morte en calquera parte do mundo. Ademais esiximos que todas as persoas sexan xulgadas coas garantías procesais que toda democracia esixe.

Aproveitamos este día para reivindicar o dereito que, ao longo da historia tódolos pobos da terra exerceron, consistente en poder enterrar ou incinerar aos seus mortos. Recoñecemento que o réxime franquista non permitiu, pola necesidade de agochar os seus crimes, ben sexa mediante xuízos sumarísimos ou simplemente cunha bala na caluga, nunha cuneta calquera.

Precisamente, queremos suliñar, apelando ao espírito da memoria histórica, ilustrísimo, que non ilustrado, Sr. Abel Caballero, que onde vostede ve un significante, isto é, unha cruz, a cruz do monte do Castro, as vítimas do franquismo e os seus familiares ven o seu significado…

PRENSA PODEMOS VIGO