Como podo conseguir fondos europeos H2020?

Segundo a Área Técnica de I+D+i as oportunidades de éxito multiplícanse con respecto a anos anteriores
Publicado por o día 15/01/2018 na sección de Universidade de Vigo

Como podo conseguir fondos europeos H2020?

A Área Técnica de I+D+i está a levar a cabo en colaboración coas diferentes agrupacións estratéxicas da propia Universidade de Vigo unha serie de xornadas sobre as oportunidades de financiamento ás que pode optar a comunidade investigadora dentro do programa europeo Horizonte 2020. Centradas por ámbitos de especialización, este luns tivo lugar unha charla específica para as investigadoras e investigadores do ámbito mariño e mañá martes celebrarase outra centrada no reto NMBP (Novos materiais, tecnoloxías e industrias sostibles).

“Desde decembro estamos facendo varias sesión informativas coas diferentes temáticas dos centros singulares e agrupacións estratéxicas que hai na Unviersidade. Xa se fixo unha para AtlantTIC, relativa ao ámbito das telecomunicacións e aeroespacial, e tamén no Cinbio, para os do ámbito biomédico, e outras dúas no ámbito da enxeñaría industrial, xa que dentro da Agrupación Industria Enerxía, diferenciáronse tres ámbitos estratéxicos”, explica Anxo Moreira, director da Área técnica de I+D+i, quen explica que o principal obxectivo destes encontros é comentarlle ás e os investigadores as oportunidades que teñen para conseguir financiamento europeo no período 2018-2020. “A nosa mensaxe é que agora mesmo estamos na última parte do programa e, neste contexto, hai máis fondos, polo que as oportunidades multiplícanse con respecto a anos anteriores”, recalca Moreira.

A taxa de éxito internacional sitúase no 15-16%

Pola experiencia acumulada nestas charlas os organizadores recalcan que hai propostas e ideas, pero tamén medo, “xa que evidentemente non se trata de algo doado, pero hai que facerlles ver que todas as convocatorias son complicadas e se non se dá un primeiro paso nunca se van conseguir”, explica Moreira, quen subliña que estas convocatorias estanse movemento nunha taxa de éxito internacional entre o 15 e o 16%.

“Nas charlas tratamos de asesoralos sobre os pasos e boas prácticas que deben seguir para aumentar a taxa de éxito”, recalca Moreira, quen menciona, entre outras, o feito de non ter en conta só a ciencia ou a tecnoloxía que desenvolve o grupo, senón tamén o que está agardando a Comisión Europea con estes proxectos, é dicir, a parte de como se relaciona a súa investigación coas políticas europeas. “Isto é algo no que nós podemos axudarlles, pois eles acostuman ser moi bos escribindo e defendo a súa temática e nós podemos selo tamén enlazando esa temática coas políticas e prioridades europeas”, recalca o responsable da área técnica de I+D+i.

“Hai que mentalizarse de que se trata dunha especie de carreira de fondo”

Nas diferentes xornadas insístese na mensaxe de que boten man dos propios servizos da Universidade para presentarse a estes proxectos, xa que poden ser de gran utilidade. Trátase de conseguir que as persoas interesadas venzan ese primeiro medo dos que non se presentaron nunca e, logo, está tamén o labor de axudarlles a xestionar a tolerancia/frustración que poden provocar estes procesos, xa que acostuman ser moi longos, complicados e cunha baixa taxa de éxito, sobre todo no primeiro intento. “Hai que mentalizarse de que se trata dunha especie de carreira de fondo, na que igual a primeira vez non o consegues, pero si a segunda ou a terceira”, recalca Moreira.

Pola experiencia acumulada, o organizador destaca que por ámbitos a parte científica e a tecnolóxica acostuman ser máis proclives a presentar proxectos a este tipo de convocatorias e, pola contra, custa moito máis mobilizar os do ámbito das humanidades e tamén do xurídico-social. “Dentro da parte científica, sobre todo nos ámbitos da bioloxía e o mar, están xa moi habituados a presentarse”, indica Moreira, quen indica que a finais de mes se levará a cabo unha nova xornada centrada no ámbito xurídico-social.

O caso mariño

A sesión deste luns levouse a cabo na sala 1 do edificio Miralles e nela contouse coa participación, ademais do propio Anxo Moreira, de Antonio Villanueva, coordinador técnico de Investigación e Infraestruturas do Centro de Investigación Mariña, e Cristina Quelle, responsable no mesmo centro de Innovación e Transferencia.

A intervención de Villanueva fixo énfase na experiencia adquirida na participación en proxectos europeos pola Ecimat e da importancia de investir tempo, esforzo, e recursos económicos en asistir a reunións, xornadas de traballo, e sobre todo estar dispoñible para colaborar de cara a gañar a confianza dos socios, aínda que non exista financiamento. “Unha vez que apareza unha oportunidade, esa colaboración dará os seus froitos”, recalcou Villanueva.

Mañá martes a cita será no Módulo Tecnolóxico Industrial e nela contarase coa participación da profesora Edita de Lorenzo, comisionada para o Vigo Tecnolóxico, e Carlos Prado, coordinador da Agrupación estratéxica Industria e Enerxía, INEX.