Polémica na prensa pola Biblioteca pública de Vigo

Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Galicia,Social,Vigo

Polémica na prensa pola Biblioteca pública de Vigo

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e centros de Documentación de Galicia (BAMAD Galicia) levamos anos demandando do concello de Vigo, e das demais administración, que esta cidade conte cunha rede de bibliotecas acorde ás necesidades da súa poboación.

Na actualidade Vigo só conta con dúas bibliotecas:

• Unha biblioteca mixta Xunta-Concello, biblioteca central territorial dentro da clasificación de bibliotecas da Xunta, grande e ben dotada pero claramente insuficiente para un concello deste tamaño

• Unha biblioteca municipal, de xestión privada, que é pequena mesmo para atender o barrio no que está inserida.

As dúas bibliotecas son moi dinámicas e realizan un gran labor de dinamización e promoción da lingua, da lectura e da cultura, aínda que escasamente dotadas de persoal e de recursos económicos.

O resto das instalacións “bibliotecarias” viguesas non poden considerarse como tales xa que son meras salas de lectura, servizo necesario, pero que non as converte en bibliotecas. E mentres tanto estamos á espera da prometida biblioteca de Teis qu anuncia a súa construción e apertura en 2022, prazo que desexamos que se cumpra.

A cidade de Vigo necesita unha grande biblioteca pública, ben dotada de instalacións, persoal e recursos económicos que poda servir de biblioteca central desde a que dinamizar a vida cultural, a formación, o ocio e a lectura na cidade.

Temos que seguir demandando das tres administracións implicadas, Estado, Xunta e Concello, que se deixen de liortas partidarias, como se recolle na prensa nestes días, e aposten por contar con servizos bibliotecarios dignos para a cidade.

Aínda así, non podemos deixar de recordar a responsabilidade do Concello de Vigo na situación actual de falta de infraestruturas bibliotecarias na cidade que demanda, desde hai anos, unha rede bibliotecaria municipal propia na que a Biblioteca Neira Vilas foi un primeiro paso, pero que debe continuar expandindo bibliotecas por outros barrios da cidade.

O concello de Vigo investiu unha considerable cantidade do seu orzamento en instalacións efémeras de nadal, que seguramente contribuirán á ledicia da veciñanza, pero dubidamos sobre a súa repercusión na educación da cidadanía. Sabemos que as bibliotecas públicas teñen unha repercusión directa sobre o nivel educativo e cultural da cidadanía. Dado que Vigo só conta nestes momentos cunha biblioteca pública municipal, e que está previsto que a cidade conte con esa nova Biblioteca Pública do Estado nos vindeiros anos, consideramos que este é un bo momento para planificar conxuntamente co resto de administracións implicadas a posta en funcionamento dunha rede de bibliotecas municipais que axuden a ofrecer iguais servizos a toda a cidade de Vigo. Cremos que en futuros proxectos municipais isto debería ocupar un lugar protagonista e urxente.

As institucións europeas sinalan como elemento necesario para un futuro desenvolvemento económico-social dos países membros fomentar a educación en todos niveis. Un dos elementos esenciais na promoción da cultura, da información e da educación ao longo da vida para a cidadanía constitúeno as bibliotecas públicas, que teñen unha repercusión directa sobre o nivel educativo e cultural das persoas.

Así pois demandamos das tres administración o desenvolvemento dunha política bibliotecaria propia que contribúa a crear esa rede de bibliotecas necesaria para a cidade máis populosa do país.

Comentar noticia

Your email address will not be published.