A Policía Autonómica esclarece un incendio forestal no concello pontevedrés de Pazos de Borbén

No que vai de ano, son nove os investigados pola Policía Autonómica por delitos relacionados con lumes nos montes galegos
Publicado por o día 17/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra,Vigo,Xunta de Galicia

A Policía Autonómica esclarece un incendio forestal no concello pontevedrés de Pazos de Borbén

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Pontevedra informaron hoxe da investigación dun home como presunto autor dun incendio no concello de Pazos de Borbén.

Tras unha investigación conxunta levada a cabo pola Policía Autonómica de Pontevedra e axentes facultativos de medio ambiente da Brigada de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, procedeuse á imputación dun varón como presunto autor dun incendio ocorrido o pasado 10 de marzo, na parroquia de Ermida, no concello de Pazos de Borbén, e que afectou unha superficie arborada de 0,55 hectáreas.

O lume debeuse ao escape dunha queima de restos agrícolas que o investigado estaba a facer de xeito presuntamente neglixente. Na extinción interveu persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.

Polos feitos descritos, tramitáronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Redondela. No que vai de ano, son nove as persoas detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.