A Policía Autonómica finaliza a primeira fase da Operación Entrerrúas coa detención de 17 persoas en Boiro

A investigación permitiu descubrir unha depuradora ilegal nun domicilio particular, onde os furtivos vendían o marisco extraído de forma fraudulenta
Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Sucesos

A Policía Autonómica finaliza a primeira fase da Operación Entrerrúas coa detención de 17 persoas en Boiro

A Policía Autonómica finalizou a primeira fase da Operación Entrerrúas, desenvolvida na zona de Cabo de Cruz, no concello de Boiro, coa detención de 17 persoas.

A operación levouse a cabo durante os últimos once meses polos membros do Equipo de Resposta Policial (Erpol) e permitiu detectar unha depuradora ilegal nun domicilio particular, onde os furtivos que operan na zona vendían o marisco extraído de forma fraudulenta.

Foron detidas 16 persoas, acusadas dun delito contra a flora e a fauna (furtivismo) e unha persoa por un delito de receptación, contra a saúde pública e contra o medio ambiente.

No dispositivo colaboraron funcionarios do Servizo de Inspección e Control de Recursos, pertencentes ao Servizo de Gardacostas. As investigacións continúan, polo que non se descartan novas detencións.

Polos feitos descritos, tramitouse un atestado policial remitido ao Xulgado de Riveira.