A Policía Autonómica remata a operación “Entrerrúas” coa detención de 27 persoas por presuntos delitos de furtivismo

Nas dúas fases da Operación rexistráronse tres depuradoras nas zonas de Muros e Santiago, comisándose un total de 3 toneladas de marisco
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de Sucesos

A Policía Autonómica remata a operación “Entrerrúas” coa detención de 27 persoas por presuntos delitos de furtivismo

A Policía Autonómica finaliza a operación “Entrerrúas”, coa detención de 27 persoas por presuntos delitos contra a flora e a fauna, por receptación, contra a Saúde Pública e o Medio Ambiente.

Nas dúas fases da Operación detivéronse a un total de 27 persoas, rexistráronse unha depuradora legal, así como outras dúas ilegais que se situaban unha na zona de Muros e outra na zona de Santiago, comisándose un total de 3 toneladas de marisco.

Axentes do grupo da ERPOL da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago de Compostela en colaboración co servizo de Inspección e Control de Recursos de Gardacostas, levaron a cabo a segunda fase da Operación “Entrerrúas” que deu comezo no mes de agosto. Nesta segunda fase foron detidas 10 persoas e comisados 2,5 toneladas de marisco.

Froito das investigacións levadas e do estudio da documentación intervida na primeira fase púidose determinar que o marisco extraído de maneira ilegal chegaba ao consumidor a través de diferentes canles, consistindo basicamente en que persoas habilitadas legalmente para a distribución e depuración do marisco, utilizaban depuradoras ilegais para meter no mercado o produto obtido polos furtivos. No marco da investigación, constatouse que algún deles obtiña ata 7.000 euros froito desta actividade ilícita.

Dos feitos descritos, tramítanse dilixencias o Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira, quen dirixe as investigacións.