A Policía Local desaloxou o colexio de Noalla (Sanxenxo) ante os danos provocados polos fortes refachos de vento

Publicado por o día 10/01/2018 na sección de Sucesos

A Policía Local desaloxou o colexio de Noalla (Sanxenxo) ante os danos provocados polos fortes refachos de vento

Os axentes de seguridade local procederon ao desaloxo do Colexio Telleiro de Noalla debido aos danos materiais ocasionados polos fortes refachos de vento intenso e de dirección cambiante rexistrados na zona da Lanzada, na provincia de Pontevedra.

Esta medida preventiva levouse a cabo como consecuencia dos efectos provocados pola intensidade do vento, que levantou tellas e parte da cuberta do pavillón deportivo e ocasionou danos nas persianas. Ademais, estes refachos chegaron a levantar o paseo de madeira da Lanzada e parte dese material caeu dentro do recinto escolar.

Así, os axentes da Policía Local procederon a evacuar o colexio, mentres que o persoal do centro encargábase de avisar ás familias, co fin de garantir a seguridade dos nenos e evitar danos persoais.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o vento intenso e de dirección cambiante entrou pola zona da Lanzada e desprazouse cara ao interior en dirección á parroquia de Vilalonga. De feito, nesa zona tamén se notaron os efectos deste fenómeno meteorolóxico, especialmente no lugar do Freixo, onde unha vivenda rexistrou danos importantes no tellado, nas fiestras e desprendéronse cascotes.

Outras casas do mesmo lugar sufriron danos, concretamente nos tellados, aínda que en menor medida que a anterior. Tamén caeron árbores, algunha delas sobre o tendido eléctrico e telefónico, que tamén se viu afectado.

A maiores, os axentes de seguridade local tiveron coñecemento dun transformador botando fume na subida ao cemiterio de Noalla, aínda que sen causar máis danos na contorna.

As chamadas dos veciños ao 112 Galicia arredor das dez desta mañá permitiron activar un operativo no que participaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ribadumia e do GES de Sanxenxo, ademais dos axentes de seguridade locais.