Política Lingüística e a Universidade de Vigo poñen en valor o uso do galego nas redes sociais

Con motivo do Día das Redes Galegas, celebraron unha xornada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra
Por o 11/04/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo,Xunta de Galicia
Política Lingüística e a Universidade de Vigo poñen en valor o uso do galego nas redes sociais

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura da xornada organizada pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e mais a Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo (UVigo) con motivo do Día das Redes Galegas. Este encontro forma parte das actividades que se desenvolven ao abeiro do convenio de colaboración entre a UVigo e a Consellería de Cultura e Turismo en materia de normalización lingüística.

Valentín García lembrou que o galego “ten unha presenza importante nas redes sociais porque a cidadanía galegofalante, e moi especialmente a mocidade, xa non cambia de idioma cando escribe ou en función do medio en que se desenvolva, o que demostra seguridade, aprecio pola propia lingua e a superación dalgúns dos prexuízos que limitaban o seu uso”. Ao mesmo tempo, o secretario xeral de Política Lingüística quixo resaltar o importante papel dos xestores profesionais de contidos, a quen animou a “continuar contribuíndo tamén co seu traballo á cantidade e á calidade do galego en internet”.

Co secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto inaugural da xornada, por parte da UVigo, Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Fernando Ramallo, director da ANL, e Xabier Roldán, coorganizador da xornada.

Xestión en galego das redes sociais

A celebración do Día das Redes Galegas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación persegue poñer en valor o traballo dos e das profesionais da xestión de redes, así como o uso do galego nelas.

Con este obxectivo, a xornada contou coas intervencións da xornalista Alba Mancebo, pertencente ao Departamento de Contidos Web da Televisión de Galicia, e mais de tres egresados da facultade organizadora: Adrián Aria, xestor de proxectos dixitais de Elogia; Jennifer Álvarez, creadora de contidos dixitais de Antena 3, e Laura Bastón, xestora de contidos dixitais en Diariomotor. Tras os seus relatorios, tivo lugar unha mesa redonda na que participaron todos eles que foi moderada por Alberto Dafonte, coordinador do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.