Política Lingüística súmase en Portas á homenaxe a Domingo Fontán no 231º aniversario do seu nacemento

Valentín García participou no acto promovido pola asociación cultural e deportiva que leva o nome do ilustre cartógrafo e matemático
Por o 20/04/2019 | Sección: Cultura,Galicia,Pontevedra
Política Lingüística súmase en Portas á homenaxe a Domingo Fontán no 231º aniversario do seu nacemento
Compartir en:

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá en Portas na homenaxe que a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán lle rendeu, con motivo do 231º aniversario do seu nacemento, ao autor da Carta xeométrica de Galicia, o primeiro mapa moderno e elaborado con métodos matemáticos do noso territorio. A dita homenaxe contaba co apoio do Concello de Portas e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, entre outras entidades.

García Gómez lembrou que, co seu mapa, “Fontán puxo a Galicia na vangarda da cartografía ibérica e mesmo europea”, polo que nos serve hoxe de referente “para desterrar algúns tópicos que seguimos repetindo e que nos impiden aos galegos e galegas valorarnos a nós mesmos, a nosa ciencia, a nosa cultura, a nosa lingua… como merecen”. O secretario xeral quixo destacar que “Domingo Fontán é coñecido fundamentalmente por ser o autor dun traballo sen precedentes en España, un fito na historia da cartografía peninsular que se converteu en símbolo para Galicia: a súa célebre Carta xeométrica”. “O primeiro mapa científico e moderno realizado na península Ibérica que sería a base cartográfica para proxectos de ferrocarril e de estradas e fonte para a elaboración doutros mapas”, concluíu.

Durante o acto, presentáronse traballos dos escolares do CPI Domingo Fontán de Portas, realizouse unha ofrenda floral ante o monumento ao ilustre matemático e estreouse o tema O rostro de Galicia a el dedicado en interpretación de Andrea Pousa e da Banda Unión de Lantaño, que prolongou a súa intervención cun pequeno concerto ao que se sumou o Grupo de Gaitas Domingo Fontán de Portas.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na homenaxe Víctor Estévez, alcalde de Portas; María Isabel Novo, concelleira de Educación, Cultura, Turismo e Mocidade do concello; Concepción Méndez, presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán e Elena Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, que foi a encargada de ler o pregón do acto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.