A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asistiu hoxe ó encontro autonómico de estudantes e familias Promociona que organiza a Fundación Secretariado Gitano na Facultade de Historia de Santiago de Compostela. Alí destacou a importancia da cada vez maior integración nas aulas das mozas e mozos xitanos, o que supón un avance na inclusión social.
Esta iniciativa ten como obxectivo combater prexuízos sobre a comunidade xitana e amosar ás propias rapazas e rapaces que poden acadar todo o que se propoñan desde a igualdade de oportunidades. Neste sentido, a directora xeral sinalou que as administracións públicas deben poñer en marcha campañas e ferramentas que fagan isto realidade.
Durante esta xornada tamén tomaron a palabra a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela, María del Mar Lorenzo Moledo, e a directora territorial da Fundación Secretariado Gitano de Galicia, Eva Vera. Así mesmo, o encontro tamén acolleu a actividade de sensibilidade social #PupitreGitano coa que se evidencian algunhas das causas do fracaso e abandono escolar das rapazas e rapaces xitanas.
Apoio da Xunta
A través de Promociona axúdase e oriéntase a mozas e mozos xitanos para que completen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e continúen a estudar. A Consellería de Política Social colabora anualmente con este programa, e concretamente este ano destinou ao mesmo 120.000 euros.
Noticias de última hora en Vigo