Política Social fomenta o espírito emprendedor da mocidade nun encontro sobre organización de eventos e mundo audiovisual

As persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer experiencias de éxito nestes campos de actividade
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Emprego,Galicia,Ourense,Xunta de Galicia

Política Social fomenta o espírito emprendedor da mocidade nun encontro sobre organización de eventos e mundo audiovisual

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo en valor hoxe a capacidade innovadora e de emprendedora das xente nova de Galicia. Fíxoo nun encontro sectorial sobre Organización de eventos e mundo audiovisual que esta mañá reuniu no Espazo Xove de Ourense a mozas e mozos interesados nesta actividade.
O encontro, enmarcado no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Lidera, permitiu aos asistentes coñecer experiencias de éxito no eido da preparación de eventos e proxectos audiovisuais. Durante a xornada celebrouse a mesa redonda Desfrutando do meu negocio con Juan Rivas, director e fundador da compañía de creatividade La10Planta, e Paula Armesto, promotora do Festival Ribeira Sacra. Tamén houbo un relatorio e unha sesión a cargo de Dj Mil, fundador do centro especializado WAX.
O obxectivo destes encontros sectoriais que está a organizar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado na rede autonómica de Espazos Xoves é mellorar o espírito emprendedor da mocidade. Ademais, outras finalidades son facilitar novas ferramentas para a busca activa de emprego, dar a coñecer os perfís actuais que valoran as empresas e informar sobre novas técnicas de traballo en equipo.

Crecemento territorial

Este tipo de actividades desenvólvense ao abeiro do proxecto Lidera, pertencente ao programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020. Esta iniciativa procura a promoción e crecemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento das mozas e mozos do territorio. Conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, financiados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Son socios do proxecto Lidera, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; a Fundación Galicia-Europa; a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude; a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Comentar noticia

Your email address will not be published.