Política Social impulsa a arqueoloxía e o medio ambiente co campo de voluntariado ‘Tradición en verde’ en Lalín

Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nestas actividades que poñen en valor o patrimonio e a contorna
Publicado por o día 09/08/2020 na sección de Galicia,Lalín,Social

Política Social impulsa a arqueoloxía e o medio ambiente co campo de voluntariado ‘Tradición en verde’ en Lalín

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou ao grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado arqueolóxico, etnográfico e medioambiental Tradición en verde, que se está a desenvolver no municipio pontevedrés de Lalín.

Este campo de voluntariado persegue como obxectivos, por un lado, a participación na VII Campaña de Consolidación de Castro de Doade; e, por outra, a divulgación da cultura e o patrimonio galego a través de varias actuacións no Museo Etnográfico “Casa do Patrón” e o seu contorno: elaboración de material informativo, acondicionamento da área recreativa e sinalización da Ruta dos Muíños e da Ruta do Castro de Doade.

Ademais diso, os participantes tamén desfrutan dun amplo programa de actividades de ocio complementarias, que inclúe tiro con arco, bailas e danzas tradicionais galegas, obradoiros de cestaría, así como xogos de xeolocalización.

A directora xeral aproveitou a visita ao campo de voluntariado para acompañar ás mozas e mozos nalgunhas actividades. Así mesmo, visitou con eles as Fragas de Catasós e tamén participou nunha ruta en bicicleta. Pola noite terán a oportunidade de realizar un visionado de estrelas aproveitando a choiva de perseidas que terá lugar.

Campaña de verán

A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.