Política Social prima o baixo custe dun contrato público e deixa na rúa o persoal dun centro especial de emprego

A FGAMT-CIG demanda que se faga valer o dereito de subrogación no servizo do 065 de Ferrol
Por o 15/01/2018 | Sección: CIG,Ferrol,Galicia,Sindicatos
Política Social prima o baixo custe dun contrato público e deixa na rúa o persoal dun centro especial de emprego

Logo de adiar  a adxudicación do lote 3 correspondente á comarca de Ferrolterra, a Consellaría de políticas Sociais vén de adxudicar finalmente o concurso público do 065, á UTE Monforte S.A.-Castromil S.A.- Rías Altas S.A. A FGAMT-CIG xa alertou no seu momento que a nova empresa comunicara a actual concesionaria do servizo  a súa intención de non subrogar ao persoal, a pesar de que o convenio de aplicación (o de viaxeiros/as da provincia da Coruña) conta cunha cláusula de subrogación.

Cómpre lembrar que na comarca de Ferrol, o servizo de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia, vén sendo realizada por unha UTE na que o persoal o aporta COINCO, un centro especial de emprego que conta con persoal con capacidades diferentes.

Ante as pretensión da nova adxudicataria – que comezará a operar previsibelmente o próximo 1 de febreiro-, a FGAMT-CIG dirixiuse tanto á Consellaría de Política Social (para coñecer que pensa facer para manter os postos de traballo destas persoas con capacidades diferentes), como á Consellaría de Infraestruturas e Vivenda, competente en materia de transporte, “sen recibir a día de hoxe resposta algunha”.

Incomprensíbel pasividade de Política Social

Para o Secretario Confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, resulta incomprensíbel e indignante a pasividade da Consellaría de Política Social, dirixida polo ex-alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela. “Non deixa de ser unha situación extremadamente surrealista que un concurso público dependente desta Consellaría e, en concreto, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade deixe sen emprego a persoas para as que en teoría debería buscar a súa inclusión social”, lamenta.

O responsábel de Emprego da CIG entende que a Consellaría “non pode mirar para outro lado” neste asunto, “pois facelo suporía servir a intereses contrarios ao dunha administración pública que debe buscar a integración persoal e profesional das persoas con capacidades diferentes”. Neste senso, apunta que semella evidente que a prioridade da Consellería non é da integración laboral deste persoal, senón o custe económico do servizo. “En concreto, apunta, aforrar 64.000€ da cantidade máxima autorizada. Non gastan esa contía na integración laboral real destas persoas e si en cartelería e propaganda valeira”.

Dereito de subrogación

Desde a Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións da CIG, esixen da Consellaría que cumpra coas súas obrigas e faga valer, apoiada en argumentos xurídicos e políticos, a subrogación do persoal que actualmente traballa no servizo de apoio á mobilidade funcional.

Sobre isto, sinala Cartelle que deixar en mans dunha decisión xudicial que se teña que producir ou non a subrogación por parte da nova adxudicataria (pertencente ao grupo Monbús) pode supor na práctica que, aínda que o xulgado dea a razón aos traballadores e traballadoras, estes acaben na rúa. A insensibilidade social da Xunta de Galiza e do Grupo Monbús non poden máis que producirnos rexeitamento e estupor”, conclúe.