Política Social salienta a importancia dos correspondentes universitarios da USC para dar a coñecer programas de interese para a xente moza

A Universidade de Santiago conta con 25 alumnas e alumnos inscritas neste programa, 72 no conxunto das tres universidades galegas
Publicado por o día 12/02/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

Política Social salienta a importancia dos correspondentes universitarios da USC para dar a coñecer programas de interese para a xente moza

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo hoxe unha xuntanza cun grupo de estudantes da Universidade de Santiago (USC) que participan este curso no programa Correspondentes universitarios. Cristina Pichel explicou que o obxectivo final desta iniciativa é que as actividades e propostas de interese para a xente nova de Galicia cheguen ao seu destinatario final: as mozas e mozos. No encontro tamén participou a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María do Mar Lorenzo.

Nos campus da universidade compostelá son 25 os correspondentes que se ocupan de difundir entre os seus compañeiros de facultade e contorna social información sobre os programas da Xunta en materia de xuventude. No conxunto das tres universidades galegas o programa conta con 72 persoas inscritas, ao sumar as 28 matriculadas en titulacións da Universidade da Coruña e as 19 que o están na de Vigo.

A tarefa destes correspondentes é dar a coñecer toda a información de interese para os estudantes universitarios, para o que ademais da transmisión directa en persoa tamén fan uso de redes sociais. Así mesmo, xestionan regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información na facultade, asisten ás reunións de coordinación que se convocan e aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Vantaxes para os correspondentes

Estas persoas obteñen, en contrapartida pola súa actividade, unha serie de beneficios como recibir gratuitamente formación en materia de xuventude ou o carnés xove, o internacional de estudantes (ISIC) e o de alberguista durante o curso escolar no que estean inscritos no programa. Tamén se lles recoñece o tempo dedicado como persoas voluntarias, a experiencia e as competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude.

As universidades, no caso da de Coruña e a de Santiago, e a propia Administración autonómica, no caso da Universidade de Vigo, expedirán aos correspondentes unha certificación coa súa participación no programa para os efectos de solicitude de créditos. Ademais, poderán participar de balde, durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes no que se inclúe aloxamento, a mantenza e a programación de actividades de carácter lúdico e formativo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.