Galicia reitera o seu compromiso co crecemento azul como estratexia para o desenvolvemento sostible do sector marítimo

A economía azul, a estratexia BlueGrowth e os instrumentos de financiamento da Unión Europea centraron o taller nacional ‘Retos Atlánticos’ celebrado en Baiona e organizado polo equipo de apoio do Plan de Acción do Atlántico
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de Baiona,Galicia,Mar

Galicia reitera o seu compromiso co crecemento azul como estratexia para o desenvolvemento sostible do sector marítimo

A directora do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, incidiu hoxe na aposta do Goberno galego por “xerar oportunidades de crecemento e de emprego para as actividades mariñas e marítimas e no traballo que leva realizando desde hai tempo polo crecemento azul”. Nesta liña reiterou o compromiso da Xunta coa Estratexia Europea Atlántica e reafirmou o papel de Galicia como “axente activo e participativo” dos retos e oportunidades vencellados a ela.

Así o destacou durante o taller nacional Retos Atlánticos que se celebrou no Parador Nacional de Baiona (Pontevedra) e que está organizado polo equipo de apoio do Plan de Acción do Atlántico. Este encontro serve para presentar os desafíos actuais en materia de economía azul e dar a coñecer ás partes interesadas os mecanismos de asistencia ao Plan de Acción do Atlántico.

A directora-xerente de Cetmar agradeceu a confianza depositada en Galicia para a celebración desta xornada e recordou que a Xunta vén traballando no Plan de Acción do Atlántico desde a súa posta en marcha en 2013, compartindo a súa concepción holística do océano.

Na mesma liña avogou por unha “conciencia colectiva” que recoñeza os desafíos económicos, ambientais e sociais relacionados cos mares e polo fomento da cooperación en todos os ámbitos marítimos, compartindo información e coñecemento, e “colaborando en ámbitos nos que antes os Estados membros actuaban por separado”.

De acordo ao Plan de Acción do Atlántico, explicou, Galicia traballa en enfrontar os retos para xerar crecemento, reducir a pegada de carbono, utilizar os recursos do mar de maneira sostible ou aplicar unha xestión ecosistémica nas augas do Atlántico. Todo isto, engadiu, a través do “impulso ao mercado turístico, atendendo a crecente demanda de instalacións enerxéticas en alta mar, mellorando a formación en industrias marítimas tradicionais e emerxentes ou apostando pola cooperación en investigación oceánica para enfrontar o cambio climático”.

Por último, Paloma Rueda desexou aos participantes un proveitoso traballo nas sesións temáticas previstas para esta tarde sobre biotecnoloxía azul vencellada á pesca e á acuicultura, as enerxías oceánicas e a resiliencia costeira, traballo que, concluíu, “será en proveito do futuro do Atlántico europeo e, polo tanto, de Galicia, de España e das xeracións futuras”.

O taller nacional Retos Atlánticos que está organizado polo equipo de apoio do Plan de Acción do Atlántico conta coa colaboración dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. Este taller comezou cunhas sesións plenarias nas que se mostrou o caso do Porto de Vigo como pioneiro en Europa na posta en marcha da Estratexia BlueGrowth.

Comentar noticia

Your email address will not be published.