Ponte Caldelas adxudica obras valoradas en 312.000 euros para asfaltar máis de 13 Km de camiños rurais

As actuacións, que comezarán as próximas semanas, terán continuidade con outro contrato, xa en licitación, con outros 100.000 euros
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas adxudica obras valoradas en 312.000 euros para asfaltar máis de 13 Km de camiños rurais

O maior contrato de obras no rural da historia de Ponte Caldelas vén de ser adxudicado estes días polo Concello. Nas próximas semanas comezará o asfaltado de máis de 13 Km de camiños rurais que comunican ducias  de vivendas. O contrato, dividido en 5 lotes, comezará a executarse nas próximas semanas e vai supoñer un importante avance no mantemento das infraestruturas dos núcleos rurais caldeláns.

O Concello xa conta con proposta de adxudicación de dous dos lotes á empresa Nexia e, nos próximos días, resolverá os tres restantes unha vez que esta mesma empresa presente a documentación requirida para xustificar ás baixas nas súas ofertas. Á licitación, cun prezo de saída de 311.454 euros, presentáronse un total de 10 empresas.

Ao tempo, o Concello xa abriu o prazo de presentación de ofertas para outro contrato, valorado en case 100.000 euros, para asfaltar outros 4,5 Km de camiños que garanten a mobilidade nos núcleos rurais.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) subliña que leva meses traballando na licitación destas obras, que, ademais dos sempre complexos trámites administrativos para a súa adxudicación, inclúen a petición a distintos órganos da Xunta de Galicia pola afección a regatos, encontros con estradas autonómicas ou afeccións patrimoniais. Superados todos estes pasos estímase que a totalidade das obras estará concluída cara o mes de marzo.

Os camiños que van ser reparados nesta primeira fase de obras vaise beneficiar directamente a veciñanza dos lugares de Silvoso de Arriba, Silvoso de Abaixo, Baltar, Coveliño, Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, O Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo, O Lombo (Cuñas), Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo e, finalmente, outro camiño de Rebordelo. En tódolos casos trátase de vías municipais que acumulan anos de abandono e que non foron obxecto dun adecuado mantemento dende a súa apertura.

A segunda fase de actuacións, que se financia con cargo ao Plan Concellos 2019, iniciou a súa andaina administrativa xa coa presentación de ofertas aberta. Unha vez adxudicados os lotes, o Concello poderá actuar nos camiños da Esfarrapada, Pazos, Taboadelo, Tourón e O Sobreiro (Xustáns).