Ponte Caldelas ampliará as beirarrúas máis estreitas do centro e gañará 260 prazas de aparcamento

O Concello prepara unha reforma que impulsa ao comercio local, dando facilidades de estacionamento á vez que facilita o tránsito peonil
Publicado por o día 10/04/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas ampliará as beirarrúas máis estreitas do centro e gañará 260 prazas de aparcamento

Crear 260 novas prazas de aparcamento no centro urbano, mellorar a seguridade viaria con algúns carrís únicos e coa limitación a 30 Km/h na arteria central e ampliar as beirarrúas máis estreitas nas que apenas se poden cruzar dous peóns, son o obxectivo da reforma urbana que o Concello de Ponte Caldelas está a piques de acometer.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) quere dar un impulso ao comercio local tirando todo o partido dun centro urbano que conta cun potencial aínda por aproveitar. Para complementar a inminente transformación do gran espazo da praza de España acometerase unha reforma do centro que, sen introducir grandes cambios, permitirá mellorar a circulación peonil e rodada, á vez que darán facilidades para atopar aparcamento. Os cambios serán expostos nunha xuntanza que o equipo municipal celebrará o próximo luns coa directiva da asociación de comerciantes, Coempo.

As beirarrúas que gañan amplitude son Concepción Arenal, Rosalía de Castro, González Besada e avenida de Vigo (parcialmente). Case todas elas teñen pouco máis de medio metro de anchura, o que complica o cruzamento de dous peóns, especialmente en días de choiva, ou o paso das persoas con carros da compra ou de bebés. Unha situación que o Goberno local quere corrixir de inmediato.

A gran gañancia na capacidade de aparcamento vén dada pola creación de bolsas de estacionamento en batería na avenida de Vigo a partir da última garaxe (200 novas prazas) e en liña antes dese punto. Tamén se crean espazos en batería na rúa Rosalía de Castro (10 prazas máis), González Besada (20 prazas máis) e no oco central da explanada de Chan da Barcia (30 prazas máis). En total, unhas 260 prazas que se suman ás existentes, e que compensan sobradamente as menos de 20 que van desaparecer na praza de España, un espazo que o Concello quere dignificar converténdoo nunha verdadeira praza que todos os caldeláns vexan con orgullo.

En Concepción Arenal, dadas as súas dimensións, elimínase a beirarrúa con moi escaso uso que hai ao lado do parque da gardería e ludoteca (que conta xa cun vial interior restrinxido). Iso permitirá unha ampliación xenerosa da beirarrúa que está a carón dos edificios. Nese mesmo lateral manterase o aparcamento en liña para dar servizo ao supermercado e comercios.

O alcalde, Andrés Díaz, destaca con esta modesta reforma urbana dase un paso decisivo para solucionar o histórico problema do aparcamento que arrastraba en Ponte Caldelas. Unha actuación que se suma, ademais, ás aperturas puntuais dos aparcamentos provisionais que se habilitan en determinadas datas do ano nas fincas situadas a carón da Casa do Concello e do paseo da Calzada. Ademais, engade, era preciso acabar coas “mini-beirarrúas”, tan pequenas que resulta habitual a estampa dos peóns camiñando pola calzada.

A reforma inclúe tamén a colocación de sinais de limitación a 30 Km/hora no eixe formado pola avenida de Pontevedra e rúa do Ponte, onde tamén se solicitou da Xunta de Galicia (trátase dun vial autonómico) a colocación dun novo badén.

Andrés Díaz recalca que as novas direccións únicas axudarán a dar máis fluidez á circulación, ao tempo que se mellora a seguridade viaria descargando o cruce central, agora moi saturado. Máis aínda pon o exemplo do tráfico entrante pola estrada de Laxoso, que agora baixará por pola rúa do Bora Río (que cambia de dirección e pon fin á perigosa incorporación en costa actual) ou subirá por Lepanto, toda vez que González Besada queda de subida.

Ao mesmo tempo, ponse en valor o tramo final da avenida de Vigo ata case a ponte, hoxe infrautilizada, convertíndoa nunha opción segura de aparcamento para os visitantes que se acheguen a Ponte Caldelas. Finalmente, refórzase a capacidade de Chan da Barcia.

“Creo que son cambios para que Ponte Caldelas avance na mesma dirección na que camiñan hoxe as cidades con máis pulo”, destaca o alcalde, “porque ampliar beirarrúas e implantar direccións únicas son medidas que achegan máis seguridade e comodidade, e facelo creando 260 novas prazas de aparcamento para abrir as portas da vila aos visitantes e aos nosos veciños residentes nas parroquias é un fito do que podemos estar satisfeitos”.

“Queremos que a xente veña, que teña onde aparcar e que dispoña de espazos urbanos nobles e tamén de boas beirarrúas para camiñar e gozar sen presas  do noso comercio e da nosa hostalería, que por algo somos Ponte Caldelas”, conclúe.