Ponte Caldelas celebra a bandeira azul cunha andaina polo sendeiro azul do río Verdugo

O percorrido de 12 Km incluíu a visita ao Foxo do Lobo de Laxoso
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas celebra a bandeira azul cunha andaina polo sendeiro azul do río Verdugo

Dous grupos participaron o domingo na andaina organizada polo Concello de Ponte Caldelas no marco do programa Patea Tapea. A terceira saída do ano centrouse nesta ocasión nunha versión ampliada do Sendeiro Azul, ata cubrir unha distancia de 12 Km incluíndo a visita ao Foxo do Lobo de Laxoso.

O primeiro grupo, no que participou o alcalde, Andrés Díaz, partiu as 10.30 horas dende a praia fluvial da  Calzada, que vén de renovar a bandeira  azul, polo que continúa a ser o único areal fluvial de toda España en contar con este distintivo de calidade.

Segundo a dispoñibilidade horaria dos participantes o grupo subdividiuse nos que fixeron os 8 Km do Sendeiro Azul e os que continuaron ata a trampa etnográfica de Laxoso.

O segundo grupo estivo formado polos turistas de furgoneta campeira que están en Ponte Caldelas durante esta fin de semana. Partiron pasadas as 11 da mañá para completar o mesmo percorrido.

Como é característico no Sendeiro Azul o cruzamento do río Verdugo a través dos pasos tradicionais da Fraga e de Portasouto foron o elemento máis comentado. A parada para recuperar forzas fíxose ao lado do peto de ánimas de Portasouto.