Ponte Caldelas celebra a noite de San Xoán con 42 fogueiras e a de San Pedro con outras 20

O Concello esixe o cumprimento da normativa municipal e tamén da Lei galega de Prevención de Incendios
Publicado por o día 19/06/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas celebra a noite de San Xoán con 42 fogueiras e a de San Pedro con outras 20

A tradición das fogueiras de San Xoán e San Pedro mantense viva en Ponte Caldelas. O Concello vén de autorizar un total de 42 para a noite máxica do 23 ao 24 deste mes e outras 20 para a noite do 28 ao 29 deste mes, festividade de San Pedro.

As cifras son idénticas ás do ano pasado. Polo San Xoán o “lume purificador” arderá na práctica totalidade dos lugares do municipio e mesmo algún deles acolle dúas ou tres  cacharelas en función dos  barrios. A celebración da noite de San Pedro tamén mantense moi viva pois boa parte dos núcleos terán a súa fogueira.

Cumprindo a normativa municipal, tódolos  lumes están a nome dunha persoa, responsable do cumprimento das condicións. As autorizacións foron concedidas de acordo co previsto na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, polo que non se autoriza o lume en zonas de influencia forestal. Ademais o Concello recalca que autorización quedará automaticamente revogada en caso de risco extremo de incendio forestal segundo a publicación do índice na páxina web da Consellería de Medio Rural. En caso de que o vento impida un control adecuado, deberá apagarse inmediatamente.

As fogueiras poden ter unha altura máxima de 2 metros e un diámetro de 4 metros. Deben situarse en zonas idóneas e cunha distancia mínima ás casas de 20 metros. Non poderá haber vehículos de tracción mecánica dentro dese mesmo radio, nin tampouco depósitos de combustible ou almacéns de sustancias inflamables. Por outra banda, as cacharelas deben situarse en buracos o máis profundos posible e rodeados de pedra ou dunha pequena gabia. Ademais, os organizadores deberán ter a man mangueiras e extintores ou, polo menos, auga suficiente. Outra das condicións atinxe aos materiais que está prohibido queimar, entre os que figuran nin as rodas, plásticos ou calquera outro material especialmente combustible, coa única excepción da madeira. Do mesmo xeito, está prohibido compoñer as fogueiras con papeis, cartóns ou ramallos de eucalipto, pois son susceptibles de producir faíscas que, co vento, incrementan o risco de propagación. A hora límite para rematar son as 3.30 horas, de conformidade co Decreto da Xunta de Galicia que regula as festas e romarías populares.

O Goberno local despregará durante as noites de San Xoán e San Pedro un operativo de seguridade que implica á Policía Local, en colaboración coa Garda Civil. Ademais manterá alerta á dotación do camión motobomba municipal para atender calquera posible incidencia.