Ponte Caldelas celebra a súa procesión máis festiva: a de San Roque en Taboadelo

O percorrido está amenizando por unha charanga e mesmo hai unha parada para bailar diante dun cruceiro
Publicado por o día 08/10/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas celebra a súa procesión máis festiva: a de San Roque en Taboadelo

A veciñanza de Taboadelo, en Ponte Caldelas,  celebrou onte a procesión de San Roque que é a máis festiva de cantas se celebran no municipio. A marcha, na que estivo presente o alcalde, Andrés Díaz  en representación do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) foi unha  exaltación da amizade entre os residentes nos distintos barrios.

A procesión partiu ás 16.30 horas e, trala volta polo adro da igrexa de Santiago de Taboadelo, percorreu os camiños deste núcleo ata seguir os pasos dos antigos camiños tradicionais,  convenientemente desbrozados polo Concello.  Non faltan as pausas diante dos veciños que adornan a imaxe do santo con uvas, como marca a tradición.

A procesión estivo amenizada pola Charanga do 9, que interpretou temas moi populares e mesmo pezas de baile. Á chegada ao cruceiro da corredoira, a comitiva detense e os máis ousados mesmo bailan  ao pe deste elemento etnográfico, engalanado con motivos florais.

A volta á igrexa, despois de  salvar unha empinada costa polo monte, dá pé á prolongación da festa cun pincho servido pola comisión de festas,  acompañado de  chocolate con churros.