Ponte Caldelas comeza a preparar a quinta edición da concentración moteira máis multitudinaria de Galicia

O evento, que trasládase este ano á Alameda, celébrase o 20 de abril
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas comeza a preparar a quinta edición da concentración moteira máis multitudinaria de Galicia

As motos volverán estrear a temporada de “quedadas” en Ponte Caldelas. A V Xuntanza Moteira está xa programada para o próximo 20 de abril, sábado, con importantes novidades destinadas a asegurar o éxito da que é a maior concentración de Galicia.

O recinto da concentración pasa  este  ano á Alameda e a rúa Marín, onde permanecerán aparcados os vehículos durante a xornada. O palco de actuacións e a barra  instalaranse na praza de España,  que cobrará así protagonismo nunha xornada na que se agarda  a presenza dunhas 3.000 motos,  cifra xa alcanzada nos dous últimos anos.

O alcalde, Andrés Díaz, recibiu aos organizadores do evento, Carlos Figueroa, Eva Lago e Irene Couñago, que confirmaron que hai “gañas de moto” e se están  a recibir moitas chamadas preguntando polo evento de Ponte Caldelas, que xa é cita obrigada para os  afeccionados do Noroeste peninsular.

O recinto moteiro desta V Xuntanza abrirase ás 15.00 horas. Ás 17.00 horas sae a ruta moteira que este ano vai por Laxoso, Augasantas, Antas, Xesta, Xende, Gaxate, Forzáns, Caritel e regreso á Alameda. Son 30 Km cun tempo estimado de 40 minutos. As  exhibicións estarán este ano a cargo da Escola de Pilotos Lorenzo, de Pontevedra,  e celebraranse na explanada  de  Chan da Barcia. Finalmente,  está programada unha master class  de zumba e o ambiente prolongarase ata case a media noite.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aposta por este evento dentro da programación municipal, que sempre presta moita atención ao mundo do motor. Así, ademais da concentración moteira, haberá este ano a de vehículos clásicos e tamén a novidade dunha concentración de usuarios da marca Mercedes. Sen esquecer a Subida a Ponte Caldelas, proba que forma parte do Campionato Galego de Montaña.