Ponte Caldelas comproba os magníficos resultados nos montes queimados tratados con palla e centeo

As primeiras visitas de seguemento a zonas da Insua e Chaín demostran que consolidaron moito mellor o solo e recuperaron o verdor
Por o 28/02/2018 | Sección: Galicia,Ponte Caldelas
Ponte Caldelas comproba os magníficos resultados nos montes queimados tratados con palla e centeo

O Concello de Ponte Caldelas está empezando a comprobar os magníficos resultados da operación de acolchamento con palla (técnica coñecida como “mulching”) e sementeira nos terreos forestais queimados na última vaga de lumes do pasado 15 de outubro.

O operativo foi desenvolvido polo Concello caldelán ao longo do mes de novembro a partir dunha campaña municipal de voluntariado social que conseguiu involucrar a centos de persoas. Diante das dimensións das zonas a tratar e a dispoñibilidade de palla e centeo foron seleccionadas un total de 200 persoas chegadas de diferentes partes de Galicia e que traballaron, conxuntamente coa veciñanza de Ponte Caldelas, nas catro xornadas de mulching e sementeira.

O Goberno local caldelán (formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG) adquiriu e esparexeu un total de 30 toneladas de palla e unha tonelada de graos de centeo. Os lugares tratados foron elixidos polas comunidades de montes con asesoramento técnico pagado polo Concello. Deuse prioridade ás zonas en pendente máis próximas aos mananciais das traídas de augas veciñais.

O operativo tamén contou coa implicación e colaboración das comunidades de montes do municipio, así como dun grupo de veciños tractoristas, que fixeron posible o traslado gratuíto das pacas de palla ao monte.

O alcalde, Andrés Díaz, afirma que con independencia dos resultados, o equipo de goberno caldelán séntese moi orgulloso de ter afrontado a crise dos lumes tomando a iniciativa e adiantándose máis de tres meses á chegada das primeiras actuacións da Xunta de Galicia, que se limitaron, ademais, ao reparto dunha pequena cantidade de palla con empresas subcontratadas.

“A aposta polo voluntariado foi un acerto, porque despois do 15 de outubro había unha grande sensibilización social, moita xente con gañas de axudar e vir a botar unha man, e Ponte Caldelas converteuse na oportunidade de facelo”, afirma Andrés Díaz. O alcalde destaca que foron días “dun intenso traballo, pero tamén dunha gran satisfacción persoal, porque tivemos oportunidade de convivir con moita xente que viña de fóra e que traballou duro por botarnos unha man cando máis o necesitabamos”.

Deste xeito logrouse protexer as 30 hectáreas máis sensibles das aproximadamente 2.900 que arderon en Ponte Caldelas. Unha superficie tratada mesmo por enriba das estimacións iniciais, dada a dificultade dun traballo duro, manual e realizado baixo unha forte calor.

Catro meses e medio despois dos lumes as primeiras visitas demostran o éxito da iniciativa. A diferencia entre as zonas acolchadas e o resto do monte é evidente. Apréciase a simple vista que se minimizaron os arrastres de cinzas e se recuperou o verdor. Os resultados son especialmente visibles nas áreas onde se efectuou o tratamento combinado de palla e centeo, aínda que a palla por si soa tamén deu bos resultados e segue maioritariamente no terreo, contribuíndo a evitar a erosión.

Finalmente, o Concello de Ponte Caldelas tamén ensaiou actuacións consistentes na colocación de barreiras naturais, a base de troncos, nalgunhas zonas en forte pendente, como as beiras do río Verdugo en Parada ou o a ladeira do monte da Penarada, en Barbudo.