Os vales para compra de alimentos polo Nadal do Concello de Ponte Caldelas esgotáronse en poucas semanas. A medida social, que supón un gasto social de 5.000 euros (a razón de 100 vales de 50 euros cada un), continúa demostrando a súa necesidade para aliviar os efectos da crise, aínda moi presente na sociedade.
O Concello destaca que, a diferencia do ano pasado, cando ao remate de decembro aínda quedaban algúns vales por entregar, este ano repartíronse todos semanas antes das badaladas da Noitevella. O maior coñecemento desta medida municipal, así como os efectos negativos das subas nos recibos dos servizos básicos son outros factores que axudan a explicar a maior demanda rexistrada.
O perfil das familias beneficiarias recolle diversas casuísticas, que van desde parellas mozas con varios fillos, a familias con maiores a cargo, pensionistas con pagas moi pequenas ou, cada vez máis, familias de emigrantes retornados.
Os vales de Ponte Caldelas serven para a compra de alimentos, pero tamén poden gastarse en produtos de hixiene persoal e doméstica, todo elo no supermercado Froiz da localidade. A selección das familias beneficiarias realízase coa supervisión dos Servizos Sociais municipais, que son os encargados de acreditar a situación de necesidade socioeconómica e familiar dos solicitantes. Os requisitos para acceder consisten en estar empadroados e ser residentes en Ponte Caldelas, ademais de estar dentro do Baremo Económico Municipal establecido para axudas de Emerxencia Social.
O acordo responde á estratexia adoptada ao comezo deste mandato polo Goberno local (formado polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG), que significou o incremento nas partidas de inclusión social. O número de vales incrementouse xa o pasado ano de 40 a 50 e, á vista da demanda rexistrada este ano, volverá incrementarse para o ano próximo.
Por outra banda o Concello tamén ten en marcha a campaña para reparto de agasallos de Nadal aos fillos/as familias vulnerables, para o que pon a disposición da súa veciñanza outro cheque de 50 euros, sempre que se cumpran os mesmos requisitos de emerxencia social. Este ano beneficiáronse 51 rapaces pertencentes a 26 familias.
Noticias de última hora en Vigo