Ponte Caldelas esperará por unha Lei do Solo que potencie o rural para aprobar o PXOM

Logo das 28 asambleas veciñais realizadas non hai unanimidade veciñal para sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas esperará por unha Lei do Solo que potencie o rural para aprobar o PXOM

Despois de 28 asambleas por todos os lugares de Ponte Caldelas, os concelleiros do grupo de Goberno acordaron hoxe, en Xunta de Goberno Local, agardar por unha Lei do Solo que verdadeiramente aposte polo rural, que busque potencialo e que permita o seu crecemento. A actual Lei do Solo, aprobada en febreiro de 2016 pola Xunta de Galicia cos únicos votos a favor do PP, únicamente busca consolidar terreo en lugar de permitir a expansión dos núcleos rurais, algo que afecta negativamente a moitos lugares de Ponte Caldelas, que ven moi limitado o seu crecemento no caso de que se aprobase o PXOM que se propón en base aos criterios que marca actualmente a Xunta de Galicia.

Aínda recoñecendo a necesidade de regular o urbanismo no Concello, que se rixe neste momento por unhas normas subsidiarias que teñen 30 anos, o grupo de Goberno de Ponte Caldelas considera acertado agardar a unha nova Lei que aposte verdadeiramente polo rural, polo seu crecemento. Mentres tanto, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recalca que se seguirá traballando no actual documento, tendo en conta as suxestións aportadas por todos os veciños que participaron nas asambleas e tamén cos que foron pasando polo Concello a solicitar información nestes últimos meses.

“Necesitamos regular o urbanismo, pero queremos facelo con seguridade, responsabilidade e, sobre todo, con transparencia. Queremos que a maioría dos veciños se sintan conformes e apoien un Plan de Ordenación que, de aprobarse, terá moitos anos de vixencia”, indica Díaz.

Por ese motivo tomouse a decisión de celebrar asambleas veciñais para amosar o borrador do PXOM en todos os lugares do concello e, por iso tamén agora se decide paralizar temporalmente a aprobación deste documento, traballando así con “cautela e prudencia”, á espera dunha próximas eleccións autonómicas que poidan traer un novo goberno e unha nova Lei acorde ás verdadeiras necesidades do rural galego, ao que non se lle pode limitar o crecemento.