Ponte Caldelas estrea este domingo a súa feira na praza de España

O Concello adopta medidas para garantir a seguridade viaria e pechará o espazo ao tráfico durante as xornadas feiradas
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas estrea este domingo a súa feira na praza de España

A nova praza de España de Ponte Caldelas estréase este domingo, día 20, acollendo a feira da localidade. O Concello traballa xa na recolocación do centenar de postos autorizados para acomodalos neste novo e definitivo espazo que, xunto coa Alameda, a rúa Marín e a contorna da pasarela de madeira, constitúe o recinto feiral caldelán.

As obras da praza de España están case rematadas, a falta da instalación do mobiliario urbano e da instalación da fonte luminosa. Hoxe mesmo comezou a colocación da gran pérgola de 36 metros de longo destinada a dar sombra na parte central.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) subliña que a situación definitiva dos feirantes non chegará ata que estea completamente rematada a obra e con todo o mobiliario. Será entón cando se asignen definitivamente os postos. A concesión de lugar na praza de España farase por orden de antigüidade, pois dáse a circunstancia de que a totalidade dos feirantes pide praza alí. A continuación, á vista do espazo libre dispoñible, abrirase un prazo para novas solicitudes. O Concello calcula que pode haber preto de 20 prazas dispoñibles, dando así un novo pulo á feira caldelán, a máis importante de toda a bisbarra.

Outra medida xa anunciada é a prohibición de estacionar os vehículos dos feirantes a carón dos postos. Quérese que a feira, que se celebra os días 5 e 20 de cada mes, sexa atractiva e ordenada e só se tolerarán os vehículos que constitúan o propio posto de venda. Nestes casos, ademais, esixiráselle a colocación de cartóns ou outros elementos no chan para impedir que se produzan manchas de aceite no pavimento.

O Concello tamén anuncia que a praza de España quedará pechada ao tráfico entre as 8 e as 13.30 horas como medida de seguridade viaria, pois prevese un importante fluxo peonil, que resulta incompatible co paso dos vehículos. Durante as xornadas feiradas, a parada de taxis desprazarase á rúa González Besada.

Por outra banda, nestes días estase procedendo á renovación das licenzas da feira de Ponte Caldelas, para o que se esixe a presentación relativa á Seguridade Social, autónomos, rexistro de ambulantes e pago da taxa. A mesma documentación que se requirirá, co gallo da ampliación prevista, cando se abra o período para os novos solicitantes.