O aniversario dos incendios forestais do 15 de outubro de 2017, que varreron o municipio de Ponte Caldelas, dará pé a unha homenaxe pública ao voluntariado. O Concello organiza unha xornada de recoñecemento ás persoas que, atendendo ao seu chamado, chegaron de toda Galicia para levar a cabo a campaña de “mulching” (acolchamento con palla do terreo queimado).
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) púxose en contacto cos case 200 voluntarios para invitalos aos actos, que terán lugar a partir das 20.00 horas deste luns, día 15, na Casa da Cultura. O programa inclúe a lectura dunha declaración institucional por parte do alcalde, a proxección dun vídeo con imaxes dos traballos de campo e a inauguración dunha exposición fotográfica na que se poden ver os resultados, meses despois, da aplicación da palla, das sementeiras de centeo e tamén das plantacións con landras de carballo.
O Concello dá por feito que só un reducido número daqueles voluntarios estarán presentes o luns, pero aínda así considera que era importante respectar a data do 15 de outubro polo seu forte simbolismo para Ponte Caldelas. Ao mesmo tempo, considera que volver utilizar a base de datos municipal chamando un por un a tódolos voluntarios e voluntarias que se achegaron a Ponte Caldelas é tamén un xeito de amosarlles, novamente, o agradecemento pola súa colaboración.
Durante os lumes do 15 de outubro de 2017 arderon 2.900 Hectáreas, un terzo do termo municipal caldelán. O esforzo dos voluntarios permitiu tratar unhas 35 Hectáreas escollidas pola súa sensibilidade ao arrastre das cinzas. Deuse prioridade aos mananciais das traídas de augas veciñais e tamén as zonas de escorrenta cara os ríos Verdugo e Oitavén. Nalgunhas zonas aplicouse palla, noutras utilizouse tamén o método combinado da sementeira de centeo. Finalmente, houbo actuacións puntuais, con centros escolares, para a plantación de árbores autóctonas.
Algúns estudos, como o realizado polo colectivo ecoloxista A Rente do Chan, estiman que as actuacións promovidas polo Concello de Ponte Caldelas evitaron o arrastre dunhas 70 toneladas de cinzas. Non obstante, o Goberno local considera que tamén cómpre valorar o exemplo de compromiso social co medio ambiente que Ponte Caldelas deu naqueles días.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.