Ponte Caldelas instala 120 puntos de información veciñal para estreitar a relación coa veciñanza

O Concello está rematando a instalación duns paneis chamados a fomentar a limpeza e acoutar a colocación de carteis
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas instala 120 puntos de información veciñal para estreitar a relación coa veciñanza

O Concello de Ponte Caldelas está rematando a colocación dos 120 paneis cos que informará á veciñanza de todas as actividades municipais. Uns paneis  denominados Puntos de Información Veciñal (PIV) nos que os propios veciños poderán tamén dar conta das súas actividades e convocatorias. Serán o único espazo destinado a dar conta de todos os acontecementos de interese xeral e axudarán, deste xeito, a fomentar a limpeza e o ornato.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) adquiriu os soportes diante da necesidade de reforzar a información, especialmente no rural, das distintas actividades. Ademais, adianta que a partir de agora o Concello xa está en condicións de esixir o cumprimento da normativa sobre limpeza e coidado dos espazos públicos, que prohíbe a colocación de carteis no mobiliario público e nas paredes.

Os operarios municipais escolleron lugares axeitados para a colocación e mesmo axustaron a altura para evitar que os PIV produzan efectos non desexados sobre a paisaxe ou afecten a elementos etnográficos ou patrimoniais.

Non é necesario ningún tipo de permiso para adherir avisos, notificacións, esquelas ou cartelería. A única condición é que os contidos informativos teñan interese para  a comunidade e non inclúan contidos inapropiados. Tampouco se admite ningún tipo de publicidade de empresas ou de particulares.

O equipo de goberno destaca que Ponte Caldelas é un concello cun gran dinamismo que celebra multitude de actividades tanto no centro urbano como nas parroquias e que esta actividade, impulsada tanto por asociacións e colectivos sociais como dende o Concello, necesitaba dun soporte físico en lugares visibles para reforzar a comunicación.