Ponte Caldelas liquida un Orzamento de 2018 que supuxo un récord absoluto de investimentos

O municipio, o único de toda a provincia que xa adxudicou todo o Plan Concellos 2019, foi quen de adxudicar 1,8 millóns de euros en obras
Publicado por o día 25/03/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas liquida un Orzamento de 2018 que supuxo un récord absoluto de investimentos

O Concello de Ponte Caldelas liquidou o Orzamento 2018 cun récord histórico de investimentos, marcando un antes e un despois na proxección orzamentaria do municipio. Obras como a da praza de España e as pavimentacións en marcha en tódalas parroquias do rural dispararon o importe das obras adxudicadas o ano pasado ata superar os 1,8 millóns de euros (alcanzando preto dun 23% do gasto total do Concello).

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e  BNG) destaca que o expansivo exercicio foi posible gracias ao apoio da Deputación Provincial (Plan de Reequilibrio e Plan Concellos). De feito, Ponte Caldelas é o único concello de toda a provincia que  xa ten adxudicadas e en marcha tódalas obras non só do Plan Concellos 2018, senón tamén as do 2019.

O alcalde, Andrés Díaz,  que asinou esta mañá o decreto de Liquidación do Orzamento 2018, subliña que este fito non podería terse levado a cabo sen a implicación do persoal municipal, ao que agradece expresamente  o esforzo e dedicación para a licitación das numerosas obras executadas.

A liquidación orzamentaria de 2018 supón un resultado positivo (ingresos menos gastos) de 239.049 euros e reflicte un grao de execución dos gastos previstos próximo ao 79%, o que dá idea da intensa actividade desenvolvida nun ano sen precedentes. O informe  da interventora municipal destaca tamén que Ponte Caldelas pode presumir dun período medio de pago aos seus provedores “moi dentro do abano no dos prazos que marca a normativa sobre  morosidade para  as Administracións Públicas”.

Da rapidez na adxudicación e execución de tantas obras deriva, paradoxalmente, a principal eiva para as contas  de Ponte Caldelas. Os trámites legais para  a certificación das obras, obrigados para recibir as correspondentes transferencias das Administracións cofinanciadoras, provocou que, a día de hoxe, Ponte Caldelas teña pendentes de cobro preto de 2 millóns de euros, que irán entrando nas arcas municipais ao longo deste ano.

En parte a causa destas circunstancias, o remanente ao peche do exercicio 2018 baixa a 65.000 euros. Polo contrario, e polos mesmos motivos, agárdase que o remanente do actual Orzamento 2019 alcance cifras nunca vistas, mesmo superando o récord acadado co Orzamento de 2019.

Por todo elo, Ponte Caldelas incumpre puntualmente a normativa sobre Estabilidade Orzamentaria en 939.913, 62 euros,  así como a regra de gasto en 174.375 euros. O alcalde, Andrés Díaz, subliña que esa normativa “aprobada polo anterior Goberno do PP, que tódolos alcaldes de España estamos pedindo que se derrogue por absurda, penaliza aos concellos investidores como o noso”. Máis aínda, Díaz maniféstase “orgulloso” de tela incumprido “porque significa que Ponte Caldelas foi quen de facer un esforzo investidor digno de encomio”.

Finalmente, en canto á débeda municipal, o informe de Intervención subliña que o Orzamento de 2018 liquidouse cun saldo de 1,2  millóns  de euros, o que sitúa a capacidade de endebedamento municipal ao 77%, cunha ampla marxe de manobra financeira.