Ponte Caldelas logra manter o Rexistro da Propiedade, ameazado polo decreto estatal de fusións

O Concello aluga a antiga oficina de Turismo á rexistradora e consegue, ademais, a preservación dos tres postos de traballo
Publicado por o día 10/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas logra manter o Rexistro da Propiedade, ameazado polo decreto estatal de fusións

O Rexistro da Propiedade continuará en Ponte Caldelas grazas á iniciativa do Concello, que impulsou un acordo para alugar a prezo reducido o inmoble da antiga sede de Turismo, converténdoa así na oficina na que toda a veciñanza da bisbarra realizará os trámites oficiais relacionados coa propiedade inmobiliaria.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) culmina unha iniciativa que puxo en marcha o pasado ano e que tivo que comezar coa regularización da situación administrativa do inmoble, posto que seguía inventariado como Matadoiro municipal, a pesar de que hai décadas que deixou de ter este uso. O alcalde, Andrés Díaz, vén de asinar o contrato de alugueiro coa rexistradora da propiedade de Redondela e Ponte Caldelas, Cristina Rollán.

O acordo permite,  ademais, que a rexistradora manteña en nómina ás tres traballadoras de Ponte Caldelas. Non só  iso,  senón que os seus contratos de 6 horas serán incrementados a 8 horas para cubrir o servizo de atención ao público de 9 a 17 horas de luns a venres. Un punto a prol da estabilidade laboral que foi moi valorado, xunto co mantemento do servizo, polo Goberno local.

Por outra banda, o Rexistro gaña en funcionalidade co novo local, cualificado como “precioso e idóneo” por Cristina Rollán. As oficinas actuais de Chan da Barcia son pouco adecuadas e contan cun acceso complicado. O Rexistro pasa a contar cunha oficina situada no centro da vila, con vistas ao río Verdugo e a escasos metros das oficinas bancarias, da Notaría, das cafeterías e das paradas de autobuses e de taxis. A estrea está prevista para o mes de setembro, o máis tardar,  unha vez que finalicen uns pequenos arranxos.

Andrés Díaz destacou que Ponte Caldelas mantén así un servizo que data de 1861 e que naceu coa primeira lei hipotecaria. Non obstante, o decreto do Goberno central do ano pasado, que abre a porta á fusión das demarcacións dos rexistros, fixo perigar a súa continuidade e estivo a piques de propiciar a absorción por parte de Redondela. Un risco, subliña Andrés Díaz, que se viu incrementado polo “pasotismo” da Xunta de Galicia, que lavou as mans e renunciou a dar un só paso a prol mantemento das demarcacións como si teñen feito outras comunidades autónomas.

Cristina Rollán agradeceu o apoio do Concello de Ponte Caldelas e destacou a súa satisfacción por continuar na capital da bisbarra do Verdugo-Oitavén. Anunciou, ademais, que estará presente en Ponte Caldelas sempre que sexa necesario porque ten a obriga de atender aos cidadáns en Redondela ou Ponte Caldelas, segundo eles prefiran.

O Rexistro da Propiedade realiza todos os trámites de inscrición de documentos inmobiliarios, ademais da expedición das notas simples e as certificacións. Funciona, ademais, como “oficina buzón” da Axencia Tributaria Galega, o que significa que alí se presentan todos os documentos relacionados coa liquidación dos impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, ademais do imposto de sucesións.