Ponte Caldelas oferta sete ludotecas e campamentos de verán con todo tipo de actividades

O Concello edita un díptico no que agrupa as opcións dispoñibles para as familias
Publicado por o día 24/06/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas oferta sete ludotecas e campamentos de verán con todo tipo de actividades

Un díptico editado polo Concello de Ponte Caldelas axuda ás familias a coñecer facilmente a totalidade da oferta que a iniciativa pública e a privada poñen en marcha este verán para axudar á conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival.

O municipio acollerá sete propostas distintas pensadas para que a cativada poda escoller entre un amplo abano de propostas que cobren tódolos gustos e que van gustos e que van  das actividades máis tradicionais como obradoiros, xogos populares, manualidades ou acampadas a  outras como fútbol ou mesmo iniciación á equitación ou a música.

A oferta é tamén extraordinariamente flexible en canto á elección das datas, pois varios dos organizadores ofrecen a posibilidade de contratar por días soltos, semanas, quincenas ou meses completos, adaptándose así ás necesidades das familias e cubrindo amplamente o obxectivo final de facilitar a conciliación entre a vida familiar e a laboral.

O alcalde, Andrés Díaz, recibiu aos representantes da ludoteca municipal, Ana Villaverde; ANPA A Fracha do colexio A Reigosa, María Argibay; Centro Ecuestre Atlántico, Xabi Blanco; Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas, Alvaro Miranda e Banda de Gaitas e Baile Os Coribantes, Ángel Rodríguez. Non estiveron na cita, pero participan no programa a ANPA Verduxo, do colexio Cordo Boullosa e a ludoteca Papaventos.

As actividades están dirixidas a rapaces de 3 a 15 anos en función da ludoteca concreta e o abano de actividades vai do 1 de xullo ao 31 de agosto. Algunhas das ofertas contan xa cun bo número de inscricións como o “Verán activo” da SCD Ponte Caldelas, onde xa hai 60 rapaces inscritos; a ludoteca municipal con 70 nenos e nenas en diferentes quendas ou a escola de música de Coribantes, con preto de 20 inscricións formalizadas a día de hoxe.

Ponte Caldelas ofrece, gracias a este esforzo compartido de Concello, empresas, asociacións e ANPA, o mesmo servizo de conciliación laboral-familiar que unha gran cidade e mesmo moitas familias de concellos da contorna buscan nesta vila opcións para este verán.