Ponte Caldelas pecha as Festas das Dores máis multitudinarias da súa historia

O alcalde subliña a importante repercusión sobre a hostalería local, que traballou arreo durante estes días
Publicado por o día 29/08/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas pecha as Festas das Dores máis multitudinarias da súa historia

O alcalde de Ponte Caldelas fixo balance das Festas das Dores, que durante os últimos días encheron de  vida a localidade cun programa festivo denso e atractivo. A música, o folclore, as procesións, as representacións teatrais e os espectáculos infantís constituíron o eixe central dunhas “festas para lembrar”.

O alcalde de Ponte Caldelas está moi satisfeito dos resultados desta edición, dado que foron quen de atraer a decenas de miles de persoas. A Alameda caldelá quedouse moi pequena en  varias ocasións para acoller  ao público. Andrés Díaz considera que “estamos diante das Festas das Dores máis atractivas e máis participativas de toda a historia do municipio”.

Andrés Díaz recalca o cheo total nas actuacións de Olympus e El Combo Dominicano, pero subliña tamén que a asistencia o sábado, coas orquestras Superfama e o grupo América S.L, foi espectacular e por enriba de todas as previsións. Tamén foi “un éxito” a quinta edición do Caldelas Xoven que neste 2019 contou coa presenza, entre outros, de Famous (gañador  de Operación Triunfo 2018) e de Ricky Merino (ex concursante de Operación Triunfo 2017). Tamén moi destacada, a aceptación do Festival Folclórico e do Festival “Son de Caldelas”, que estiveron cheas ambos os dous días, así como o numeroso público presente  nas representacións teatrais a cargo de Malasombra Producións e as Mulleres Rurais de Ponte Caldelas, especialmente esta última.

O ambiente festivo en Ponte Caldelas prolongouse durante as Festas das Dores, como quedou ben claro coas sesións vermú nos concertos das bandas de música invitadas. Unhas sesión que segundo dixo Díaz “gustan moito á xente e son sempre un éxito, máis este ano que o tempo nos acompañou durante todas as festas”. Finalmente, o alcalde engadiu que  “compre remarcar a gran presenza de público durante a procesión do martes, que estivo acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e a Banda de Guerra da Brilat, este ano as rúas estaban repletas de xente”.

Nesta edición das Festas das Dores, a segunda que se celebra dende a entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, Ponte Caldelas volveu a contratar un Plan de Autoprotección a unha empresa especializada, que se ocupou da revisión da totalidade das atraccións e instalacións feirais. Unha aposta pola seguridade que se viu acentuada pola presenza dos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela e unha dotación de ambulancia permanente.

O alcalde subliña o importante impacto económico que as Festas das Dores tiveron sobre o comercio, as casas rurais da zona e a hostalería local, pois Ponte Caldelas viviu xornadas multitudinarias, con visitantes chegados das catro provincias galegas, que fixeron gasto na localidade e contribuíron así á dinamización da vila.