Ponte Caldelas recibe este luns “Sorrisos transformadores”, a mostra integradora da Deputación

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá xunto ao alcalde, Andrés Díaz Sobral, á conferencia impartida pola presidenta de Arelas, Cristina Palacios
Publicado por o día 29/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas recibe este luns “Sorrisos transformadores”, a mostra integradora da Deputación

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, acompañada polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, asistirá este luns 29 de xaneiro, ás 10 horas no IES de Ponte Caldelas, á charla que impartirá Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* Arelas, quen afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, achegará a súa experiencia persoal e responderá as dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A conferencia, á que asistirán profesorado e alumnado do IES de Ponte Caldelas, está encadrada na inauguración da mostra “Sorrisos transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración con Arelas. Esta mostra estará aberta ao público ata o luns 5 de febreiro e poderase visitar de luns a venres, das 9 ás 14 horas.

“Sorrisos transformadores” é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero sempre relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.