Ponte Caldelas solicita a Augas de Galicia a reparación dos pasos tradicionais de Taboadelo

O Concello destaca que a estrutura tradicional forma parte do Camiño do Pai Sarmiento
Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas solicita a Augas de Galicia a reparación dos pasos tradicionais de Taboadelo

O Concello de Ponte Caldelas vén de remitir unha solicitude ao organismo Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente) para a recuperación e posta en valor dos pasos tradicionais do río Verdugo, entre as localidades de Taboadelo e A Insua.

Entende o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) que estes pasos, xunto cos xa recuperados en Portasouto e A Fraga, forman un conxunto que paga a pena poñer en valor, para o que resulta imprescindible a colaboración da Administración autonómica, que é a competente tanto na materia de ríos como de patrimonio cultural. Máis aínda tratándose dunha infraestrutura popular que forma parte da ruta coñecida como o Camiño do Pai Sarmiento.

Os pasos están formados por grandes pezas labradas, das que a metade están caídas polos arrastres da corrente. Sitúanse a carón dun vao de carros no que o leito do río está tapizado con grandes lousas planas.

Na proposta, que saíu por Rexistro esta semana, explica que trátase dunha peza de etnografía popular situada nunha paraxe dunha gran beleza, como a campa dos muíños de Taboadelo, onde se atopan dous fermosos muíños restaurados polos veciños, así como a ponte de Canedo, todo elo na zona onde conflúen os ríos San Vicenzo e Verdugo.

O Goberno local, que ofrécese para colaborar na obra a  través  dun convenio, destaca que a obra non pode ser acometida directamente polo Concello por estar fóra das competencias municipais. Ademais require a tramitación dun proxecto con autorizacións sectoriais de diversos órganos da Xunta de Galicia. Chegado o momento, para a execución sería necesaria maquinaria pesada para levantar e colocar as pezas caídas dos pasos, así como a utilización de “ataguías” temporais no leito do río para fixalas.

Finalmente, O Concello de Ponte Caldelas lémbralle a Augas de Galicia que xa ten asinado acordos similares con outros concellos.