Unha actuación ambiental serviu para celebrar en Ponte Caldelas o Día Internacional dos Bosques. Coa organización do colectivo ambientalista A Rente do Chan e a colaboración do Concello varias brigadas de voluntarios dedicaron a mañá a retirar eucaliptos de varias parcelas custodiadas, cedidas polos veciños, no lugar de Gradín.
A xornada, de duro traballo, serviu tamén para fixar varias caixas niño co obxectivo de axudar á recuperación da fauna na zona.
Entre os participantes na actividade estivo o alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde, Lito Muíños, ámbolos dous en representación do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), que mantén unha estreita colaboración cos colectivos que traballan a prol da recuperación do monte. Neste caso achegáronse as luvas de traballo para tódolos participantes así como un seguro.
A iniciativa estivo enmarcada dentro da convocatoria efectuada polo colectivo-rede en favor do monte galego Cousa de Raíces.
Noticias de última hora en Vigo