Ponte Caldelas volve solicitar unha entrevista coa conselleira de Política Social pola Casa da Quintán

Fabiola García tiña derivado a xuntanza aos números 2 do seu departamento, pero estes suspendérona
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Ponte Caldelas volve solicitar unha entrevista coa conselleira de Política Social pola Casa da Quintán

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, volveu remitir unha carta á nova conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, para solicitarlle unha entrevista na que abordar a situación da Casa da Quintán, o edificio reformado pola Xunta hai case 10 anos para usos sociais, cun investimento público de medio millón de euros e que, dende entón, permanece pechado.

A primeira carta, enviada o pasado 29 de setembro, só un día despois da toma de posesión da conselleira foi respondida positivamente por Fabiola García, quen concertou unha xuntanza conxunta co director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, e o secretario xeral técnico da Consellería, Francisco Javier Abad. A xuntanza, que debía celebrarse hoxe, foi suspendida polos dous responsables da Consellería alegando que o asunto non presentaba novidades e que o futuro da Casa da Quintán debe dilucidarse directamente coa conselleira.

O Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) considera que, aínda que é “pouco serio” suspender unha xuntanza oficial nestes termos, prefire non entrar en máis valoracións e optou por solicitar unha nova xuntanza coa conselleira na mesma liña de cordialidade institucional que sempre defendeu, tanto neste como noutros asuntos pendentes coa Xunta de Galicia.

O alcalde, Andrés Díaz, remitiu, por tanto, unha nova petición de xuntanza coa conselleira recalcando que, cando menos, hai que agradecerlle a Fabiola García a amabilidade de ter contestado, cousa que non fixo o seu antecesor, José Manuel Rey Varela, que en tres anos non quixo sentar a falar desta cuestión, a pesar de que se lle solicitou reiteradamente.

A Casa da Quintán é un chalé indiano situado neste barrio caldelán. O inmoble cedido pola fundación Sálvora, dedicada á atención de persoas con discapacidade intelectual, para convertelo en centro de “respiro” para familias con persoas con este tipo de enfermidades. Diante da negativa da Xunta de Galicia a abrilo, sen ningunha explicación oficial, o Concello propuxo utilizalo como residencia de maiores ou para calquera fin social. Mesmo impulsou o diálogo coa directiva de Sálvora, que está aberta a renegociar as condicións da cesión e facilitar a apertura.

O Concello de Ponte Caldelas continuará insistindo na necesidade de abrir esta instalación, que é a única en toda Galicia nesta estraña situación. A Casa da Quintán está completamente acondicionada, dotada de mobiliario e equipamento, no que destaca un  ascensor-montacargas, e lista para entrar en funcionamento. Máis aínda, recalca o Goberno local, cando en Galicia hai un déficit de 6.000 prazas de residencia para maiores e hai 1.500 persoas en listaxe de espera e que non poden ser atendidas diante da capacidade da rede pública existente.