A exposición “Ponte do Burgo. Berce, camiño, luz”, que se exhibirá durante o mes de marzo no claustro superior do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra é unha produción municipal de carácter divulgativo que persegue achegar a historia e o futuro da ponte como o elemento patrimonial máis importante da cidade. Hoxe foi presentada polo concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez xunto co deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.
A mostra inaugurarase o próximo venres 20 de marzo, ás 20.00 horas e poderá verse no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra até o día 28 do mes.
A iniciativa enmárcase nas accións de cara á futura restauración da ponte, programada para este mesmo ano, e que consistirá basicamente en dotala dunha plataforma única para a circulación peonil renovando a táboa superior, a transformación da cabeceira sur nun espazo de estar, cunha nova praza arborada.
Unha parte da reforma da ponte é o alumeado, que se converterá en si mesmo nun espectáculo urbano. Esta dimensión lumítica abrangue a toda a ponte: a plataforma superior, con luces no chan e outras que parten da nova varanda metálica, e as dúas “fachadas” do monumento, os dobres arcos e os tallamares, así como as icónicas cunchas que desde os anos 50 do pasado século adornan a arcada.
A exposición percorre a historia da ponte baixo unha óptica diacrónica, desde as especulacións en torno á ponte romana ate a construción da primeira versión da actual, que tivo lugar no século XII, non se sabe moi ben se sobre a “vella ponte” que deu nome á cidade ou preto dela.
Un dos elementos máis significativos da mostra será a ilustración que Pier María Baldi realizou en 1669 que se conserva na biblioteca Laurenciana de Florencia, xa que é sen dúbida a máis detallada e fermosa ilustración que nos chegou da etapa pre-fotográfica.
Como homenaxe a esa ilustración da que a ponte é a protagonista absoluta, realizouse unha actualización, a través do seu coloreado e limpeza, para adaptar o aspecto orixinal
(que tamén se mostra) á retina contemporánea. Ofrecerase na exposición nun panel triplo de 6 metros de ancho en total. A dotación de cor foi realizada por Emi Ramírez.
Ademais dun percorrido histórico pola cidade e a súa ponte, exhíbense os planos máis significativos do proxecto de reforma, a cargo dos arquitectos Javier A. Franco e Vicente Pintos e o equipo de enxeñeiros Quicler y López.
Como recursos pedagóxicos utilizáronse cinco infografías de Xan Sabarís, montaxes de realidade virtual da empresa pontevedresa Imasv e tres ilustracións do pintor David Campos. Tamén se produciu un documental de 20 minutos e unha web.
s contribucións históricas estiveron a cargo do arquiveiro municipal, Enrique Sotelo, a historiadora Marga Veiga, o director do Museo, Carlos Valle, os arqueólogos Xoán Carlos Castro e Antonio de la Peña e a filóloga Conchi Cochón. Tamén se realiza unha web, que será publicada o día da inauguración. A coordinación, deseño e redacción estivo a cargo do Gabinete de Comunicación municipal.
A montaxe da mostra consta de 15 paneis de 2×1,5 metros, así como algunhas vitrinas que incluirán elementos orixinais atopados nas escavacións arqueolóxicas. O documental exhibirase nunha pantalla de 2 metros de ancho ubicada no hall da escalinata histórica do edificio Sarmiento.
Ademais, edítase un catálogo de 32 páxinas tamaño A4 que será distribuído entre os visitantes.
Noticias de última hora en Vigo