Ponteareas afronta as novas restricións da Xunta con 265 casos activos e unha incidencia superior a 1.100

Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,Ponteareas

Ponteareas afronta as novas restricións da Xunta con 265 casos activos e unha incidencia superior a 1.100

Tras a xuntanza do comité clínico deste luns, a Xunta vén de comunicar a entrada de todos os concellos galegos no nivel extremo. No caso de Ponteareas, faino ao alcanzar os 265 casos activos e superar a incidencia acumulada de 1.100.

Este novo récord de contaxios, xeneralizado a nivel galego, supón que a Xunta decidise aumentar as restricións en todos os concellos. Dende este mércores, e cando menos durante tres semanas, limítanse os contactos sociais unicamente a persoas conviventes, agás nos centros de traballo ou para o coidado de maiores e menores. Mantense o peche perimetral da localidade, que impide a mobilidade con outros concellos agás para causas estritamente xustificadas, e o toque de recollida continuará aplicándose ás 22 horas.

Estas medidas supoñen tamén o peche total da hostalaría, tanto para consumo en interior como para terrazas, permitíndose unicamente o servizo para levar ou a domicilio. En canto ao comercio, pechará ás 18 horas, agás a actividade esencial como supermercados, farmacias ou talleres de vehículos, que pecharán ás 21:30 horas.

A actividade deportiva queda restrinxida á práctica individual ao aire libre e con máscara obrigatoria, o que supón o peche de ximnasios e centros deportivos. Os centros sociais e culturais, bibliotecas e museos tamén permanecerán pechados.

A nivel local, o goberno ponteareán intensificou nas últimas semanas a desinfección de dependencias municipais, así como dos espazos públicos máis transitados e dos colectores do lixo, tanto do centro urbano como das parroquias.

Ante o aumento de casos en Ponteareas e as novas restricións impostas pola Xunta en todo o país, a alcaldesa en funcións e concelleira de saúde, Cristina Fdez. Davila, pide a toda a veciñanza “que manteñan a súa colaboración para coidármonos entre todas e todos cumprindo as novas medidas establecidas para reducir a incidencia da pandemia”.